Estás en:Novas

A Deputación apoia os gravames temporais a entidades enerxéticas e bancarias para destinar os beneficios aos máis vulnerables

No pleno da Corporación provincial aprobouse a moción presentada polo PSdeG-PSOE a favor da medida aprobada polo Goberno do Estado para gravar de forma temporal os beneficios extraordinarios destas empresas

A Deputación apoia os gravames temporais a entidades enerxéticas e bancarias para destinar os beneficios aos máis vulnerables

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, venres 30 de setembro, unha moción presentada polo PSdeG-PSOE a favor da medida aprobada polo Goberno do Estado para impoñer gravames temporais e extraordinarios ás entidades enerxéticas e bancarias, destinando os beneficios aos fogares e ás empresas máis vulnerables.

No texto, aprobado cos votos a favor de todos os grupos que forman a corporación provincial agás o do PP, explican que esta medida permitirá "recadar aproximadamente 3.500 millóns de euros, uns 2.000 millóns de euros por parte do sector enerxético e uns 1.500 millóns de euros por parte do sector bancario en dous anos".

A moción fai referencia a que "as entidades bancarias ven incrementados os seus beneficios grazas ás medidas adoptadas polo Banco Central Europeo coa subida dos tipos de interese" e "o Goberno Central propúxose que parte deses beneficios bancarios sexan destinados aos fogares e ás empresas vulnerables, axudando a mitigar os efectos da inflación que ameazan a estabilidade no noso país".

"Pola súa banda, é sabido que as empresas enerxéticas contan na actualidade con beneficios extraordinarios por mor da situación bélica pola que atravesan países exportadores de enerxía e a expensas dos consumidores", detalla, recoñecendo "a necesidade inminente de defender, auxiliar e apoiar á cidadanía".

Por isto, a Deputación da Coruña acorda "apoiar a aprobación do establecemento de gravames en España e a Unión Europea de carácter temporal enerxético e de entidades de crédito e establecementos financeiros de crédito, cuxos beneficios deben compartirse e canalizarse cara quen máis os necesita".

Outras mocións

O pleno aprobou por unanimidade demandar o Goberno de España axilidade e impulso aos avances administrativos necesarios e na dotación das partidas orzamentarias precisas para rematar no menor tempo posible as obras dos dous tramos pendentes da A-54, fundamental para conectar o centro e o interior de Galicia.

A moción de Marea Atlántica en apoio ás alegacións realizadas pola veciñanza afectada polo parque eólico de Vilartoxo non prosperou ao contar unicamente cos votos favorables de Marea e Alternativa. PP e BNG abstivéronse e o PSdeG votou en contra, alegando que sería necesario coñecer o proxecto e reunirse cos veciños antes de fixar un posicionamento. Tampouco prosperou a moción de Marea para a modificación do convenio con Vento Noso ao obter o único apoio desta forza política.

O pleno aprobou por unanimidade a moción do PP, con emendas do PSdeG-PSOE, para mellorar a seguridade viaria na estrada provincial DP 0810, que rexistra altos niveis de tráfico e exceso de velocidade ao seu paso por Piadela e Vila de Suso. O acordo inclúe acelerar a sinalización dos pasos de peóns nas inmediacións das paradas de autobús nestes núcleos, así como reforzar a sinalización e os elementos destinados á redución da velocidade.