Formoso apoia as reivindicacións do sector pesqueiro contra o veto á pesca de fondo
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá, xunto á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e representantes da administración estatal e autonómica na rolda de prensa organizada polo sector pesqueiro da Coruña para manifestar o seu rexeitamento o veto á pesca de fondo imposto pola Comisión Europea en 87 zonas do Atlántico.
O presidente da lonxa coruñesa, Juan Carlos Corrás, e o vicepresidente de PescaGalicia, Severino Arias, destacaron "a unión" das administracións locais, provinciais, autonómica e estatal no apoio ás súas reivindicacións de presentar un recurso ante o Tribunal de Xustiza Europeo "suficientemente argumentado, porque o fundamental é que sexa admitido" contra o acto de execución desta veda en 87 zonas pesqueiras, que provocará o peche de importantes caladoiros para a pesca galega.
Os responsables do sector advertiron que o veto provocará que moitos barcos teñan que paralizar a súa actividade.
Formoso trasladou o seu apoio ás reivindicacións do sector. "Defendemos os intereses da nosa pesca aquí e en Bruxelas. Daremos con eles unha batalla na que tanto se xoga Galicia", afirmou o presidente provincial, que destacou a importancia dun sector fundamental para a economía galega.