Formoso celebra que A Coruña acolla a celebración do cumio hispano-alemán
O presidente da Deputación e alcaldesa da cidade recibiron ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, en María Pita
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o chanceler alemán, Olaf Scholz, presidiron este mércores na cidade da Coruña o XXV cumio hispano-alemá, coa presenza de quince ministros de ambos os dous países e coa crise enerxética como protagonista principal da cita, xunto cos acordos políticos e en materia sociolaboral que está previsto que se adopten.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey García, recibiron no Pazo de María Pita o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, á súa chegada á cidade e participaron posteriormente, xunto a outras autoridades, no acto oficial de saúdo aos participantes no cumio que acolle a cidade herculina nove anos despois da última celebrada.
Formoso agradeceu que o Goberno de España elixira A Coruña como sede deste cumio e destacou que "é un día importante para Galicia e para A Coruña", nunha cita que confiou que servirá para "afianzar os lazos de unión entre os dous países".
Con Pedro Sánchez viaxan a Galicia oito ministros do seu gabinete cuxa lista a conforman as tres vicepresidentas do Goberno xunto cos titulares das carteiras de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación; Defensa; Industria, Comercio e Turismo; Agricultura, Pesca e Alimentación e Universidades.
Scholz está acompañado polo vicechanceler e ministro de Economía, Robert Habeck; o ministro de Finanzas, Christian Lindner; a ministra de Exteriores, Annalena Baerboc; a ministra de Defensa, Christine Lambrecht, o ministro de Traballo, Hubertus Heil; a ministra de Investigación e Ciencia, Bettina Stark-Wanzinger, e o ministro de Agricultura, Cem Özdemir