Formoso considera "unha primeira vitoria"o levantamento parcial do veto sobre a pesca de fondo, pero insta a "continuar dando a batalla"
O presidente da Deputación reuniuse co ministro de Agricultura e Pesca para abordar a situación da pesca galega tras a decisión da comisión europea de levantar o veto en 41 das 87 áreas
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo esta mañá un encontro de traballo co ministro de Agricultura e Pesca, Luís Planas, para abordar a situación do sector pesqueiro galego tras o anuncio do comisario de Pesca da Comisión Europea de levantar o veto sobre 41 das 87 áreas do Atlántico inicialmente prohibidas para a pesca de fondo, naquelas zonas na que os fondos mariños non alcancen os 400 metros de profundidade.
Formoso considerou a nova "unha primeira vitoria" para o sector, aínda que apelou á "prudencia" até coñecer exactamente como se desenvolverá no día a día dos nosos barcos e manifestou que "non solucionará o problema, polo hai que seguir dando a batalla ata a retirada total do veto", que afecta a unha parte importante da flota pesqueira da provincia da Coruña con base en portos como os da Coruña ou Ribeira.