Formoso apoia en Ribeira a manifestación contra o veto europeo á pesca de fondo e reclama “a unión de todas as administracións” neste asunto
"Galicia non é nada sen a súa pesca", afirma o presidente da Deputación, que reclama "respecto á pesca galega"
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta tarde en Ribeira na multitudinaria manifestación convocada polo Consello Local de Pesca na praza do Concello da localidade contra a decisión da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo, que entra en vigor mañá domingo.
Formoso trasladou "o apoio total" da Deputación da Coruña ao sector pesqueiro, "un sector estratéxico para a economía da provincia da Coruña e de Galicia" e avogou polo levantamento total do veto imposto polo comisario europeo de Pesca, que considerou "inxusto". Neste sentido, lembrou que a maioría dos caladoiros nos que faena a pesca galega están en bo estado e incluso recuperaron biomasa nos últimos anos. "O sector é o primeiro interesado en que a pesca sexa sostible, xa que disto depende o seu futuro", afirmou o presidente provincial.
O presidente da Deputación instou a "unión da sociedade, de todas as administracións e forzas políticas" para "seguir dando a batalla desde todas as instancias en defensa da pesca galega".
"Galicia non é nada sen a súa pesca. Hoxe mandamos unha mensaxe desde Ribeira á UE: estamos ao carón da nosa flota. Pedimos á comisión europea que dea un paso atrás e empece a respectar a pesca galega", afirmou.
A Deputación da Coruña aprobou en pleno o pasado 30 de setembro unha declaración institucional, apoiada por todas as forzas políticas, na que expresa o seu firme rexeitamento ao regulamento que veta a pesca de fondo, considerándoo "arbitrario" e "inxusto" e advertindo do "enorme impacto económico no noso país" que tería a aplicación da medida.