A Deputación adxudica por 1,2 millóns de euros o contrato para rematar as obras da estrada DP 1102 de Cespón a Vidres
A institución provincial retoma as obras de ampliación e mellora do trazado tras a rescisión do anterior contrato
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinou a adxudicación por 1.213.178 euros do contrato para o remate das obras de ampliación e mellora da seguridade viaria na estrada DP-1102 de Cespón a Vidres, no Concello de Boiro.
O novo proxecto contempla o remate das obras, xa que o contrato inicial foi obxecto de rescisión. As obras consistirán na ampliación e mellora de trazado desde o quilómetro cero ata a rotonda situada no PK 1+800, pasando do ancho actual de 5 m a unha sección de 8 m de anchura, mellorando o trazado mediante o suavizado de curvas.
Na marxe da estrada construirase unha beiravía peonil de 1,80 metros de ancho para mellorar tamén a seguridade dos desprazamentos a pé.
Executarase a mellora dos primeiros 300 m da estrada municipal que pasa a ser o novo tronco da estrada provincial e o novo enlace coa estrada da Deputación no seu inicio. Tamén se mellorarán os enlaces dos puntos quilométricos 0+300 e +720 para facilitar o xiro dos vehículos.
A estrada pavimentarase con 6 cm de mestura bituminosa en quente sobre base de grava e lastre artificial. Inclúese no proxecto a mellora da drenaxe da estrada con cunetas e colector de PVC de 315 mm de diámetro e a canalización do alumeado, aínda que non se contempla dotación de novo alumeado nas zonas onde non existe.
O prazo de execución das obras será de 10 meses.