Formoso recibe o premio ‘V de Veciño Exemplar” da Federación Veciñal de Lugo
O presidente agradece o galardón e destaca que provén de xente do movemento veciñal moi apegado á realidade e que demostra o compromiso do rural
A entrega de premios celebrouse na tarde deste domingo no Pazo de Congresos de Lugo, nun acto con máis de 4.500 asistentes
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, recibiu hoxe un dos galardóns 'V de Veciño Exemplar' outorgado pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, que agrupa a 350 entidades da provincia
A entrega de premios celebrouse na tarde deste domingo no Pazo de Congresos de Lugo, nun acto multitudinario que contou con máis de 4.500 asistentes.
Formoso, un dos 24 premiados, mostrouse moi agradecido con este recoñecemento "moi especial porque provén do movemento veciñal, de xente moi apegada á realidade e aos problemas cotiáns dos veciños e veciñas que, ademais, contan cun profundo coñecemento da realidade social desta provincia".
O presidente destacou o importante traballo que desenvolven as entidades veciñais, especialmente no eido rural ao que necesitamos "dotar de esperanza", impulsando políticas que contribúan a frear o despoboamento, e que garantan os servizos públicos como a sanidade ou a educación para que os pequenos concellos rurais poidan ofrecer oportunidades de cara a desenvolver un proxecto vital e profesional por e para as persoas.
A entrega destes recoñecementos tivo lugar a partir das 16:00 horas Pazo de Congresos de Lugo. Previamente, Formoso, acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou o Pazo de Feiras e participou nas actividades e no posterior xantar coas asociacións de veciños.