Estrea en Arzúa da curta baseada no Concurso de guións contra a violencia machista
A estrea terá lugar esta tarde ás 20:30h, na Capela da Madalena, e contará coa presenza das gañadoras do certame, Andrea Varela García e Aurora Rodríguez, do IES de Arzúa
Por segundo ano consecutivo, alumnas do IES de Arzúa gañan o Concurso de guións contra a violencia machista, que convoca a área de Igualdade da Deputación. Esta tarde estrearase a curta baseada no texto gañador.
A curta leva por título "Pequenas grandezas" e a cita é ás 20:30h na Capela da Madalena de Arzúa. Na estrea participarán as alumnas gañadoras, Andrea Varela García e Aurora Rodríguez Rodríguez, que estiveron titorizadas pola profesora María Esperanza Rocamonde Iglesias. Tamén asistirá o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas.
O xurado que concedeu o premio destacara no seu informe que o traballo gañador "incide na violencia vicaria, ten moi boa estrutura e moita capacidade de integrar o alumnado das distintas etapas". Neste sentido, Xosé Lois Penas lembra "que desde o departamento provincial de Igualdade considerouse que a temática concreta nesta edición fose este tipo de violencia, que aparece xa recollida na lexislación galega desde xullo de 2019, sendo Galiza e Catalunya os primeiros territorios do estado español en recoñecela na súa lexislación, o que significa que se recoñece como unha forma máis de violencia de xénero".
Convén lembrar que o obxecto do certame é elaborar un guión de curtametraxe a través do cal se xere reflexión, conciencia, sensibilización, identificación e prevención da violencia vicaria como forma de control e dominación. Preténdese que a través da elaboración do guión a poboación adolescente cree debate, mobilización, e fomente a súa creatividade mentres reflexiona sobre a violencia de xénero.
Inclúese dentro do concepto de violencia vicaria o homicidio, asasinato ou calquera outra forma de violencia exercida sobre as fillas/os da muller, así como sobre calquera outra persoa estreitamente unida a ela, coa finalidade de causarlle o maior sufrimento psicolóxico e na súa saúde, por parte de quen sexa ou fora o seu cónxuxe ou quen mantivo unha relación análoga de afectividade aínda que sen convivencia.