Estás en:Novas

A Deputación aproba máis de medio millón de euros para o remate da estrada de acceso aos cantís de Loiba, en Ortigueira

O pleno provincial aprobou hoxe o proxecto de terminación, que contempla as correccións necesarias das obras executadas e os traballos pendentes

Non será posible realizar a ampliación proxectada entre o PK 0+780 e o PK 0+880 sen afectar ao ben protexido existente polo que se reforzará a sinalización de advertencia de estreitamento

Repararanse zonas defectuosas do firme, actuarase en noiros, acondicionaranse as isletas executadas, e estenderase unha nova capa de rodaxe, entre outras actuacións

A Deputación aproba máis de medio millón de euros para o remate da estrada de acceso aos cantís de Loiba, en Ortigueira

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe o proxecto de terminación da ampliación e mellora da estrada DP-6104 que dá acceso aos cantís de Loiba, en Ortigueira, e que conta cun investimento de 536.391 euros.

Esta partida, que se suma aos 999.768,51 euros que tiña de orzamento a obra inicial e que tivo que pararse no ano 2021 por incumprimento dos prazos por parte da empresa adxudicataria, permitirá realizar as correccións necesarias das obras executadas e os traballos pendentes.

As obras que se van realizar consistirán, por unha banda, na reparación das zonas defectuosas do firme, o perfilado de noiros con risco de desprendemento, o acondicionamento dos illotes das novas interseccións executadas no contrato anterior e a corrección dalgunhas actuacións de drenaxe.

Ademais, inclúese a finalización das obras necesarias de drenaxe mediante a construción de cunetas de formigón e a colocación de pequenos tramos de colectores, e o estendido dunha nova capa de rodaxe previa corrección de zonas moi deformadas onde será necesario aplicar recrecidos previos. Tamén se reporá un tramo de abastecemento pendente, trasladaranse tres postes de electricidade e telefonía e habilitarase a sinalización horizontal e vertical necesaria.

Finalmente, non será posible realizar a ampliación proxectada entre o PK 0+780 e o PK 0+880 sen afectar ao ben protexido existente polo que se reforzará a sinalización de advertencia de estreitamento. No proxecto tamén se especifica que a mellora da intersección coa estrada DP-6105, da Penela ao Loureiro, será obxecto dun proxecto independente onde se incluirán as expropiacións necesarias coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio.