Formoso destaca a unión da veciñanza para converter a Festa da Faba de Ponteceso “nunha referencia gastronómica da provincia”
O presidente asistiu á 30ª edición da feira e destacou a calidade dos produtos locais coruñeses, como a faba de Ponteceso
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu hoxe xunto ao alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, á XXX edición da Festa da Faba, un evento que converte á localidade na capital gastronómica da comarca durante esta fin de semana.
A iniciativa xurdiu hai tres décadas da man da Asociación de Empresarios de Ponteceso e hoxe continúa coa organización do Concello de Ponteceso e a Deputación da Coruña, exaltando un produto local como é a faba.
Formoso destacou "a calidade dos produtos locais da provincia da Coruña", entre os que citou a faba de Ponteceso, cunha festa que "é tamén unha tradición" e na que hai "xente do agro, do comercio, da restauración, voluntarias e voluntarios.. que levan 30 anos colaborando para facer desta cita e da faba de Ponteceso unha referencia da gastronomía coruñesa".
O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, agradeceu a Formoso o apoio do goberno provincial "ao sector do agro, aos autónomos, aos comerciantes e ás Peme".
"Esta 30 edición é unha homenaxe a toda a xente que fixo posible esta festa, á Asociación de Empresarios que a iniciou e a centos de veciños de toda a volta que foron imprescindibles na historia da Feira das Fabas de Trabe", entre os que citou a Pablo, Josefa e Manolo, os tres primeiros cociñeiros da festa "que hoxe siguen vestindo o mandilón" e á familia de panadeiros da localidade que subministra o pan de trigo para acompañar a fabada.
"Vemos hoxe aquí a unión dun pobo, unha unión arredor dun produto rei da comarca de Bergantiños", afirmou o alcalde.