A Deputación da Coruña entrega bicicletas e equipos de comunicación a dez agrupacións de Protección Civil da provincia
Valentín González Formoso e Blas García entregaron o material ás bases de Ribeira, Dumbría, Carballo, Bergondo, Muros, Boimorto, A Pobra, Mazaricos, Ares e Abegondo
A Deputación entregará próximamente scooters ás bases de Ames, Betanzos, Negreira, Vimianzo, Boiro, Val do Dubra, A Laracha, Carnota, Muxía e Curtis
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Promoción Económica, Blas García, entregaron hoxe novo material a dez agrupacións de Protección Civil da provincia.
En concreto, entregáronse bicicletas ás agrupacións de Ribeira e Dumbría e equipos de comunicación ás bases de Carballo, Bergondo, Muros, Boimorto, A Pobra, Mazaricos, Ares e Abegondo. O material entregado hoxe forma parte dun paquete que chegará a 20 agrupacións de Protección Civil da provincia da Coruña e que inclúe tamén a compra de scooters, que serán entregados proximamente ás bases de Ames, Betanzos, Negreira, Vimianzo, Boiro, Val do Dubra, A Laracha, Carnota, Muxía e Curtis.
Valentín González Formoso destacou "o apoio da Deputación ás agrupacións de Protección Civil da provincia a través de programas que suman 290.000 euros ao ano" e que "están consensuados coas propias agrupacións para atender as súas necesidades, permitíndolles desenvolver mellor o seu labor". Neste sentido, subliñou que a renovación dos equipos de comunicación foi o que máis solicitudes rexistrou nesta nova convocatoria.
Un aspecto no que incidiu tamén o deputado Blas García, que lembrou que se trata da primeira vez que a Deputación convoca este programa. "Ata agora, a Deputación daba axudas económicas que cubrían o 80% do custe do material, pero tras escoitar as propostas das propias agrupacións de Protección Civil decidimos cambialo por este novo sistema, no que a Deputación adquire e financia o 100% dos materiais e as agrupacións deciden cales se adaptan mellor ás súas necesidades", explicou o deputado.
Formoso e García agradeceron o traballo dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil na provincia.