Produtores e produtoras de “A provincia que sabe” salientan o éxito de contactos comerciais no Fórum Gastronómic de Barcelona
Produtores e produtoras, xerentes e CEO's dos produtos que se ofertan no posto da Deputación da Coruña, valoran positivamente a súa presenza na Feira baixo un paraugas institucional que aposta polo territorio, a identidade particular de cada produto, a sustentabilidade e a calidade.
A cociña da Costa da Morte pecha o programa de showcookings da man da cociñeira Bea Hermida e do cociñeiro Óscar Ures do restaurante 'A Cunca' de Buño
Os e as representantes dos produtos "que saben" presentes no posto da Deputación durante os tres días de Fórum Gastronómic coinciden en salientar os bos resultados en canto a contactos comerciais realizados: desde cadeas de distribución e puntos de venda, ata xornalistas e críticos especializados en turismo e gastronomía. Convén lembrar que baixo o paraugas institucional da Área de Turismo, e no marco da estratexia de promoción 'A provincia que sabe', nesta edición incorporouse a presenza de produtores e produtoras, xerentes e/ou CEOs de varias marcas de produtos agroalimentarios procedentes dos xeodestinos da provincia.
Neste sentido, o viccepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira asegura que "destacar nunha feira tan competitiva coma esta, na que están representados todos os territorios do Estado, indica que contamos con produtores e produtoras con capacidade para destacarse, poñer en valor as súas marcas e pechar negocio". Xosé Regueira explica que "precisamente esta nova estratexia de promoción, baseada na sustentabilidade e na calidade de toda a cadea agroalimentaria, é o camiño para avanzar en novas oportunidades de negocio e fomentar a empregabilidade en sectores con base no medio rural e no territorio, e aquí estamos vendo como o traballo de empresarios que buscan a especialización do seu produto implica un valor engadido con moi boa acollida".
Ademais da liña de produtos agroalimentarios, o posto da Deputación tamén ofreceu sesións de cociña en directo que remataron nesta última xornada cun showcooking a cargo da cociñeira Bea Hermida e do cociñeiro Óscar Ures do restaurante 'A Cunca' de Buño, Malpica de Bergantiños. Bea Hermida e Óscar Ures, que participaban no Fórum Gastonómic por vez primeira, achegaron ao público unha receita de ceviche de corvina e gambón, e unha fideuá con berberechos de Canduas e polbo de Malpica.
Produtos agroalimentarios "que saben" presentes no Fórum Gastronómic de Barcelona da man da Deputación
- Arzúa: Queixo Galmesán, representado pola xerente da marca, Carmela Cano
- Arzúa: Queixería As Verbas, representado por un dos tres socios e gandeiro, Xosé Lois Fernández Segade
- Arzúa: Queixos Barral, a cargo de Francisco Muñoz e Laura Arrasa, representantes da marca en Barcelona
- O Pino: Bica e torta de améndoa de Vila sen Vento
- Santiago de Compostela: Vermú Sardino, con presenza dos tres propietarios da marca, Ramón Costas, Carlos Rey e Alfonso Méndez-Benegassi
- Carballo: Empanada 'Costumes gastronómicos de Galicia', representado polo director comercial, Antonio Claro, e polo xerente e panadeiro, Francisco Fraga
- Carballo: Licores Bello Blanco, a cargo do propietario Borja Bello Blanco
- Coristanco: Legumes 'A Despensa D'Lujo', con presenza de Lucía Calvo e José Iglesias
- A Pobra do Caramiñal: A Conserveira, representada por Diego González Rodríguez
- Cariño: Conservas vexetais 'Amieiro'
- Cariño: Conservas 'La Pureza'
- San Sadurniño: Galletas 'Maruxas de Nata'
- Ortigueira: Algas 'Mar de Ardora'