A Deputación da Coruña promociona o Camiño Inglés e o de Fisterra-Muxía na feira de turismo World Travel Market de Londres
Unha delegación provincial, encabeza polo deputado Antonio Leira, desprazouse ata terras británicas
Os representantes mantiveron distintas reunións con touroperadores especializados na comercialización dos Camiños de Santiago
Reuníronse coa directora xeral da Confraternity of Saint James, co secretario de estado de Turismo, Fernando Valdés, e co director da Oficina española de turismo en Londres, Manuel Butler
Unha delegación da Deputación da Coruña, encabezada polo deputado Antonio Leira, desprazouse á feira de turismo World Travel Market que se está a celebrar na cidade de Londres dende o pasado luns ata hoxe, 9 de novembro. A finalidade e obxectivo principal da viaxe era a de facer promoción e difundir os valores do Camiño Inglés e do Camiño de Fisterra-Muxía.
Os representantes mantiveron distintas reunións con touroperadores especializados na comercialización dos Camiños de Santiago e que actualmente xa están traballando no territorio. Nestas xuntanzas púxose de relevancia o alcance das accións levadas a cabo nos últimos anos, ademais de avaliar o posible impacto da paquetización dos produtos turísticos do Camiño Inglés e Fisterra-Muxía.
Quedou claro o interese dos diferentes organizadores de viaxe (touroperadores) por traballar no territorio e a comercialización dos Camiños. Ademais de comprobar que cada vez hai máis touroperadores interesados, tanto en España como en Inglaterra na creación e comercialización dos paquetes turísticos enfocados aos Camiños. Aproveitouse a ocasión para abrir novas vías de traballo e establecer contactos entre estes touroperadores e as Asociacións do Camiño Inglés e Fisterra-Muxía.
Reunións con diferentes organismos
Tamén se mantivo unha xuntanza coa Directora Xeral da Confraternity of Saint James, buscando novas vías de colaboración entre a Deputación da Coruña e Confraternity, relacións de traballo que se levan desenvolvendo dende hai anos. A Confraternity of Saint James reúne a diferentes asociacións do Camiño en Inglaterra polo que o seu contacto serve para impulsar de forma eficiente o Camiño dende Inglaterra.
Interesante foi o encontro co Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés. Neste encontro fíxose partícipe das iniciativas levadas a cabo dende a Deputación de Coruña para a promoción e difusión do Camiño Inglés e o Camiño de Fisterra-Muxía. O Secretario amosou o seu compromiso de colaboración coa Deputación para a promoción da Vía Verde Compostela-Tambre-Lenguelle, recentemente inaugurada pola Deputación da Coruña. Valdés e Leira quedaron emprazados para manter unha reunión co obxectivo de seguir traballando en iniciativas de desenvolvemento e outras vías de colaboración, tanto económicas como de promoción turística.
Tamén foi especial o encontro co director da Oficina española de turismo (OET) en Londres, Manuel Butler, para a posta en común das iniciativas que leva a cabo a Deputación entorno aos Camiños, ademais de emprazarse a manter relacións de colaboración en canto ao promoción e difusión dos Camiños.
Outro encontro destacado foi o realizado con Rafael Serrano, presidente da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia. A delegación tamén participou dos actos organizados pola Oficina Española de Turismo en Londres de conferencias sobre 'Turismo sostible' para coñecer os cambios que se están producindo nas certificacións sostibles. Tamén acudiron á entrega dos recoñecidos premios Wanderlust.
Finalmente, participaron da recepción que se celebrou na Residencia do Embaixador de España en Reino Unido, xunto con outras delegacións galegas, onde se estableceron contactos para seguir traballando na promoción dos Camiños tanto en España como no Reino Unido.