Formoso destaca “a contribución dos maiores para facer de Boiro a vila de referencia que é hoxe”
O presidente provincial estivo hoxe no Xantar de Confraternidade da terceira idade do Concello de Boiro, que reuniu a medio milleiro de persoas no pavillón de Barraña
Salientou "o traballo que realiza o goberno de Jose Ramón Romero no ámbito social coa axuda da Deputación"
O apoio provincial permite financiar 7.000 horas ao ano de SAF, atender a 67 persoas a través da Teleasistencia e contratar a dous profesionais do servizos sociais
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou hoxe no Xantar de Confraternidade da terceira idade de Boiro e alí destacou " a contribución dos maiores para facer de Boiro a vila de referencia que é hoxe".
González Formoso acompañou ao medio milleiro de persoas que se reuniron neste acto, organizado polo Concello no pavillón de Barraña por primeira vez despois da pandemia, e aproveitou para salientar o traballo do alcalde de Boiro, José Ramón Romero, no eido social, coa axuda da Deputación.
Formoso explicou que "neste mandato incrementamos nun 137% o investimento na área social, con servizos como o de axuda no fogar, con 400.000 horas anuais na provincia, 52.000 horas na comarca do Barbanza e 7.000 horas en Boiro para atender a 101 usuarios e usuarias".
"En Boiro, o apoio da Deputación permite tamén contratar a dous profesionais dos servizos sociais e a atender a 67 persoas a través do servizo de Teleasistencia, que chega a 3.200 usuarios e usuarias en toda a provincia", engadiu, lembrando que "este ano o Plan Único inviste 1,3 millóns de euro en Boiro, dos que 112.00 euros destínanse tamén a gasto social".
Durante a súa intervención o alcalde eloxiou as persoas maiores polo seu traballo e o seu esforzo, sobre todo nos últimos anos onde se viron moi prexudicados polas restricións. O alcalde recoñece un labor pendente que as distintas administracións teñen con Boiro: "a residencia pública da terceira idade é unha necesidade que non se pode demorar máis e dende o Concello de Boiro imos seguir traballando este servizo para os nosos maiores".