A Deputación dedica o seu novo libro da colección ‘Grandes Artistas de Galicia’ a María Antonia Dans
Trátase do primeiro volume da colección dedicado a unha muller artista
"Nesta colección faltaban os nomes femininos que tamén contribuíron a facer grande a arte galega" , explicou o deputado e portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández, que sinalou que "este é un xusto merecido homenaxe á súa brillante traxectoria artística"
O libro afonda non só no coñecemento da súa biografía e a súa obra, senón no estudo e investigación do papel que as mulleres cumpriron na arte en Galicia
A Deputación da Coruña presentou hoxe na sede da Real Academia de Belas Artes, na cidade da Coruña, o novo libro da colección 'Grandes Artistas de Galicia', dedicado á pintora coruñesa María Antonia Dans.
O deputado e portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández, explicou que "María Antonia Dans é unha das nosas grandes artistas e, no ano do seu centenario, cremos que a súa traxectoria artística, o seu permanente compromiso coa igualdade e o seu amor por unha Galicia omnipresente na súa obra, merecían un recoñecemento especial", afirmou.
Bernardo Fernández lembrou que "Dans destacou sempre pola súa visión comprometida con derrubar os muros da desigualdade e hoxe, aquí, tiramos unha pedra máis dese muro, xa que este volume é o primeiro que dedicamos a unha muller dentro da colección 'Grandes Artistas de Galicia, unha homenaxe xusta e merecida á súa brillante traxectoria artística"
Fernández lembrou que na colección de Grandes Artistas de Galicia da Deputación hai libros dedicados a Isaac Díaz Pardo, Eugenio Granell, Carlos Maside, Luis Seoane, Lugrís Vadillo, Lago Rivera ou Alberto Datas, entre outros, "pero faltaban os nomes femininos que tamén contribuíron a facer grande a arte galega". "Ao igual que non se poden entender as letras galegas sen a contribución de Rosalía de Castro, non se pode entender a arte alega sen figuras como Maruxa Mallo, Julia Minguillón, María Corredoira, Elena Gago ou a propia María Antonia Dans", subliñou.
Unha ollada profunda ás nosas raíces
Este volume de 425 páxinas escrito pola crítica especialista en arte e comisaria de exposicións Rosario Sarmiento afonda non só no coñecemento da biografía de María Antonia Dans e a súa obra, senón no estudo e investigación que segue sendo necesaria arredor do papel que as mulleres cumpriron na arte tanto dentro como fóra de Galicia.
Como explica Rosario Sarmiento, "María Antonia Dans foi unha artista de éxito e recoñecemento pero sobre todo foi unha muller comprometida coa súa condición feminina nuns tempos nos que esa actitude supoñía unha toma de conciencia e unha loita por ser ela mesma non sempre fácil. Foi unha muller adiantada ao momento histórico que lle tocou vivir, consciente da dificultade que supoñía para unha artista asumir o reto da independencia e a modernidade nos anos anteriores á democracia en España".
A súa obra é en boa parte un retrato da Galicia rural da súa época. Un traballo minucioso dunha artista que soubo plasmar coma ningunha outra o papel da muller rural na sociedade do seu tempo. Os seus cadros eran unha ventá aberta á Galicia rural na que as mulleres facían os labores da casa e do campo, atendían as familias, vendían nas feiras ou nas lonxas...labores imprescindibles para a economía a subsistencia familiar, pero moitas veces socialmente invisibles. María Antonia Dans sentiu a necesidade, como muller e como artista, de plasmar esa realidade.