Estás en:Novas

Pontedeume recupera a escola unitaria de Campolongo para transformala nun local social co apoio da Deputación da Coruña

Valentín González Formoso e Bernardo Fernández estiveron hoxe no acto de inauguración do edificio, rehabilitado cun investimento de 218.340 euros

Esta actuación enmárcase dentro do plan do Concello para dar novos usos ás antigas unitarias de Campolongo, Nogueirosa e Centroña, todas elas cofinanciadas pola Deputación

Pontedeume recupera a escola unitaria de Campolongo para transformala nun local social co apoio da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, inauguraron hoxe, sábado 19 de novembro, o novo local social de Campolongo, no Concello de Pontedeume, unha antiga escola unitaria transformada cos fondos do Plan Único.

Os traballos realizados para a reforma do edificio supuxeron un investimento total de 218.340,01 euros, cofinanciados pola Deputación e o Concello de Pontedeume.

A actuación centrouse na rehabilitación da cuberta, fachada e carpintería exterior. Na planta alta, conservouse o espazo que funcionaba como antiga casa da mestra e transformouse nunha vivenda de acollida para persoas en emerxencia social (desafiuzamento, mulleres vítimas de violencia de xénero...) e, pola outra, reformouse o que era a antiga aula para destinala a novos usos. Ademais, instalouse un ascensor para mellorar a accesibilidade e executouse unha nova rede de recollida de pluviais así como unha drenaxe e impermeabilización do perímetro para evitar as humidades.

Plan municipal de transformación das escolas unitarias

Bernardo Fernández destacou que a renovación das escolas de Campolongo, Nogueirosa (inaugurada no mes de agosto) e Centroña enmárcase dentro do plan do Concello de transformación de escolas unitarias en locais sociais para poñelas a disposición da veciñanza.

"Con esta son xa dúas as antigas escolas unitarias que foron totalmente rehabilitadas e convertidas en locais sociais grazas á colaboración da Deputación e o Concello de Pontedeume. É unha vella demanda veciñal recuperar estes edificios que axudaron a formar a tantas xeracións de veciños e veciñas, e coas que manteñen unha vinculación sentimental, para darlles un novo uso e facelos outra vez útiles para a veciñanza, que agora dispón dun novo espazo para reunirse e desenvolver actividades", afirmou o alcalde de Pontedeume.

Pola súa banda, Formoso destacou a importancia de "conservar o patrimonio dunha vila" e felicitou o goberno municipal de Bernardo Fernández porque "manter vivas estas antigas escolas e adaptalas ás necesidades actuais da veciñanza é unha gran idea na que estamos encantados de poder colaborar desde a Deputación da Coruña", afirmou.

A última das escolas que se vai rehabilitar será a unitaria de Centroña, cun investimento xa aprobado que ascende a 230.601,91 euros. O obxectivo é mellorar a accesibilidade e crear novos espazos e, para iso, a planta baixa modificarase para deixar un espazo diáfano multifuncións, un baño, un office, un cuarto de limpeza e unha zona de almacén. Engadiranse dous pequenos volumes, un para mellorar a entrada do edificio e outro na parte posterior para incorporar un ascensor e unhas escaleiras. Na planta alta ampliarase unha das salas mentres que as demais estancias manteranse como ata agora, incluíndo un aseo e un pequeno office.