Estás en:Novas

A Comisión Europea en España destaca a campaña ‘Embaixadorxs do Ano Europeo da Xuventude’ de EUROPE DIRECT A Coruña como exemplo de boas prácticas na reunión anual desta rede de centros de información europea

A reunión, que se celebra esta semana en Madrid, fomenta a aprendizaxe e o intercambio de experiencias e tamén aborda os temas prioritarios da Comisión Europea para o 2023

A rede conta con 37 centros que achegan información sobre asuntos europeos e fomentan a participación cidadá

A Comisión Europea en España destaca a campaña ‘Embaixadorxs do Ano Europeo da Xuventude’ de EUROPE DIRECT A Coruña como exemplo de boas prácticas na reunión anual desta rede de centros de información europea

Responsables do punto de información de EUROPE DIRECT A Coruña-Deputación da Coruña participan na Reunión Anual da rede EUROPE DIRECT que se celebra esta semana en Madrid e na que o centro presenta a súa actividade Embaixadorxs do Ano Europeo da Xuventude como exemplo de boas prácticas. Este encontro está organizado pola Representación da Comisión Europea en España e nel participan representantes dos centros Europe Direct da rede española.

Desde maio de 2021, unha nova xeración de 37 centros EUROPE DIRECT achega ao público a Unión Europea, as súas políticas e valores. A rede ofrece información sobre asuntos europeos, pero tamén fomenta a participación cidadá contribuíndo así á creación dunha esfera pública europea.

As primeiras sesións de traballo centráronse no balance das actividades desenvolvidas ao longo de 2022. Durante os encontros trátanse ademais temas prioritarios da Comisión Europea para o vindeiro ano como son a política de inmigración da Unión Europea, o Pacto Verde Europeo ou o Ano Europeo das Capacidades. O encontro contou coa participación de Juan González, xefe de comunicación da Representación da Comisión Europea en España, e Elena Pascual, coordinadora da Rede EUROPE DIRECT na Dirección Xeral de Comunicación da Comisión Europea en Bruxelas.

Na xornada do mércores levarase a cabo un intercambio de experiencias e boas prácticas da rede na que o centro EUROPE DIRECT A Coruña foi convidado pola Representación da Comisión Europea en España a presentar a acción Embaixadorxs do Ano Europeo da Xuventude, que se levou a cabo neste 2022 dentro das actividades de difusión deste ano europeo.

Esta iniciativa do centro, na que tamén participaron os EUROPE DIRECT de Cidade Real e Maestrazgo, implicou a dez mozos e mozas para difundir as oportunidades da Unión Europea para a xente nova a través das súas redes sociais. Durante dúas semanas, os e as embaixadoras compartiron máis de 200 publicacións e historias en Instagram sobre programas europeos como o Erasmus Plus, o Erasmus for Young Entrepreneurs, o Corpo Europeo de Solidariedade, as iniciativas EU Youth Dialogue e o European Youth Event, a Garantía Xuvenil, a rede EURES e o concurso DiscoverEU. Así, conseguiron achegar información oficial a un público estimado de 3.000 mozos e mozas.