A Deputación aproba obras na rede provincial de estradas por importe de 5,9 millóns de euros
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade investimentos na rede provincial de estradas por importe de 5,9 millóns de euros nos concellos de Rois, Cee, Miño, Cambre, Narón e Carballo.
Entre eles destaca o novo proxecto de ampliación e mellora da seguridade na estrada DP 7402 de Martelo a Aguasantas, no termo municipal de Rois, cun orzamento de 2.041.188 euros que o sitúa como o maior investimento proxectado até o momento na rede provincial de estradas para 2023.
As obras desenvolveranse entre os puntos quilométricos 0+000 e 2+543 e incluirán a ampliación da plataforma da estrada ata os 9 metros de ancho, con carrís de circulación de 3,5 metros en cada sentido, beiravías de 0,5 m. e berma de 0,5 metros. Executarase ademais a mellora do trazado, suavizando algunhas das curvas existentes para permitir un tráfico máis seguro e fluído.
Estas obras mellorarán notablemente a seguridade do tráfico, xa que a estreiteza actual e o trazado perigoso dalgunhas curvas fai que moitos vehículos, especialmente o tráfico pesado, use itinerarios alternativos que supoñen importantes rodeos.
Tamén se dotará a vía de nova rede de drenaxe transversal para evitar acumulacións de auga na estrada, instalarse nova sinalización e mellorarase dos enlaces coas estradas autonómicas AC 308 e AC 301 para facilitar o xiro dos vehículos. A estrada pavimentarase con distintas capas de mestura bituminosa en quente.
Tamén se aprobou o proxecto para a mellora da seguridade viaria na DP-2303 en Bermún, no Concello de Cee, que conta cun investimento de 647,220,11 euros.
Por unha banda, a actuación inclúe a mellora dos itinerarios peonís, acondicionando as beirarrúas existentes e ampliándoas ata os dous metros. Ademais, renovarase o pavimento da senda de aglomerado existente e prolongarase esta cara o sur, ata o cruce coa estrada AC-552, e cara o norte, neste caso por ambas marxes da vía, construíndo dúas sendas de 2 metros de ancho ata a finalización do núcleo de Bermún, dotándose na marxe esquerda dunha banda de aparcamentos en liña.
En canto ao tráfico, construirase unha rotonda de 28 metros de diámetro exterior e 12 metros de diámetro interior para facilitar as diferentes manobras e provocar unha importante diminución da velocidade á que pasan os vehículos actualmente por esta zona poboada.
Por último, mellorarase a drenaxe do tramo que vai do PK 11+000 ao PK 11+200 coa instalación dunha cuneta de seguridade dotada de sumidoiros e tubaxe de pluviais para evitar a acumulación de auga na vía. As obras completaranse coa renovación da sinalización tanto vertical como horizontal
Novos investimentos para a seguridade en Miño e Cambre
En Miño, a Deputación investirá 758.132 euros nas obras de mellora da seguridade da estrada provincial DP- 4802 ao seu paso polo núcleo de San Xoán de Vilanova.
Trátase dunha zona de solo urbano con beirarrúas elevadas de baldosa hidráulica que, debido ao paso do tempo, presentan un estado de deterioro importante e limitacións en canto a seguridade e accesibilidade, polo que se proxecta a demolición das mesmas e a execución de novas beirarrúas sen borde a nivel da calzada e separada desta mediante un caz de formigón, adaptándoas á tipoloxía de sendas empregada habitualmente pola Deputación coas que se logra mellorar a accesibilidade e a integración no medio.
A senda executarase en formigón coloreado e terá unha anchura de entre 1,50 e 2 metros, segundo o tramo.
As obras contemplan ademais a renovación da capa de rodaxe da estrada entre os puntos quilométricos 1+971 e 2+978 e a instalación dunha nova rede de recollida de pluviais para evitar as acumulacións de auga na calzada.
A Deputación destinará tamén 355.117 euros para executar unha senda peonil e unha pasarela sobre a liña de ferrocarril na estrada provincial DP-1702, no concello de Cambre.
A actuación, que se levará a cabo entre o PQ 0+970 e o PQ 1+070, inclúe unha pasarela metálica para cruzar a liña de ferrocarril , ademais da construción de dous novos pasos de peóns elevados. A pasarela proxéctase en celosía de aceiro, cunha lonxitude de 22 metros, e levará sendas de acceso pavimentadas.
Trátase dun itinerario moi utilizado que conecta o núcleo do municipio coa marxe contraria do río Mero, onde se sitúa, entre outras instalacións, o IES David Buján.
Mellora de drenaxe na DP 5401 en Narón
O pleno da Deputación da Coruña aprobou tamén hoxe o proxecto de renovación da rede de recollida de pluviais e drenaxe da estrada provincial DP 5401 de Narón ao Val por Castro, unhas obras que suporán un investimento de 325.879 euros para rematar coas continuas inundacións que sofre a vía debido ao mal estado do actual sistema de drenaxe, o que supón un perigo para a circulación nos días de choivas intensas.
As obras desenvolveranse nun tramo de 1,4 quilómetros entre os puntos quilométricos 0+560 e 1+960, onde se levará a cabo a limpeza e apertura de cunetas, o perfilado dos noiros e a instalación dunha nova rede de recollida de pluviais con tubaxe de pvc, con sumidoiros e pozos de rexistro e capacidade suficiente para captar a escorrentía de augas da calzada.
Terceira fase Carballo-Sísamo
Finalmente, o pleno aprobou tamén un investimento de 1.789.000 euros para a execución das obras de pavimentación e construción de beirarrúas e zonas de aparcamento na estrada provincial DP 1901 Carballo-Sísamo, mentres que o Concello de Carballo financiará con 652.006 euros a dotación de servizos como saneamento e abastecemento de auga, instalación de mobiliario urbano e xardinería. A colaboración para esta obra articúlase a través dun convenio.
As obras de reurbanización parten do punto quilométrico 0+810 (final da segunda fase) no entronque co acceso ao instituto de Monteneme e continúan até o final da vía no lugar de Outeiro (PK 2+570), mellorando e completando as infraestruturas tanto no tramo máis urbano coma no rural e adaptando a vía á mobilidade urbana a un ou dous niveis, dependendo da zona.
As obras seguirán a mesa liña das fases anteriores: ancheamento e pavimentación da plataforma, construción de beirarrúas de baldosa hidráulica cun ancho medio de 1,40 metros e dotación de servizos urbanos como saneamento e abastecemento de auga e alumeado con luminarias de LED de aceiro inoxidable.