A Deputación leva a pleno un investimento de 2 millóns de euros para as obras de ampliación e mellora da estrada DP 4701, en Mesía
As obras supoñen un investimento de 1.888.105 euros, aos que se suman os 150.936 € correspondentes ás expropiacións
Suporán a ampliación da estrada ata os 7 metros e a construción de sendas para mellorar a seguridade peonil
Tamén se someterá á aprobación do pleno un convenio co Concello de Mesía para financiar as actividades da Aula da Natureza-Museo Etnográfico de Brañas de Valga.
A Deputación da Coruña leva mañá a pleno a aprobación das obras de ampliación e mellora da seguridade peonil na estrada provincial DP 4701, no termo municipal de Mesía, nas que investirá 2 millóns de euros.
O orzamento das obras é de 1.888.105 euros, aos que hai que sumar os 150.936 que a Deputación destinou ás expropiacións necesarias para a execución das mesmas.
As obras terán lugar entre os puntos quilométricos 0+923 e 5+478 e consistirán na ampliación da plataforma da estrada ata os 7 metros de ancho, a construción de beiravías de medio metro e a execución de distintos tramos de sendas peonís elevadas de formigón coloreado, de dous metros de ancho, que contribuirán a mellorar a seguridade dos veciños e veciñas nos seus desprazamentos a pé, xa que a calzada actual carece de paso peonil. En total executaranse dous quilómetros de sendas en distintos tramo.
As obras complétanse coas instalación de sistema de recollida de pluviais, e a renovación da sinalización horizontal e vertical da estrada.
Convenio para actividades do Museo Etnográfico-Aula da Natureza
Tamén se someterá á aprobación do pleno un convenio co Concello de Mesía para financiar as actividades da Aula da Natureza-Museo Etnográfico de Brañas de Valga.
A Deputación da Coruña achegará 60.000 euros (o 80% do total dos gastos anuais de funcionamento do museo) para financiar as distintas actividades que acolle o centro ao longo do ano, como conferencias, exposicións e obradoiros, así como para a realización de traballos de mantemento nas instalacións do museo e da zona verde que a rodea, elaboración de material divulgativo e didáctico.
Grazas a este convenio, o Museo Etnográfico das Brañas de Valga contratará tamén a dous peóns de xardinería e un monitor de tempo libre para poñer en marcha as distintas actividades programadas.
Situados xunto a unha antiga barreira de extracción de arxila recuperada como lagoa, a Aula da Natureza e o Museo Etnográfico Brañas de Valga, está dedicada á flora e á fauna propia das humidades de Galicia, e en concreto á importancia das Brañas. Tamén se atopa dentro das súas instalacións a aula Taller-Laboratorio, dotada co equipamento necesario para acoller grupos de ata 40 persoas, e a aula de usos múltiples. Outro dos seus atractivos é a exposición sobre a explotación e o uso da arxila, o barro e a historia da cerámica en Galicia.