Estás en:Novas

A exposición itinerante sobre o Pacto Verde Europeo de EUROPE DIRECT A Coruña viaxará este verán a catro concellos da provincia

A mostra inaugúrase o 30 de xuño en Fene onde permanecerá dúas semanas antes de trasladarse a Cabanas, Rois e Sada

A mostra achega á cidadanía os obxectivos, retos e medidas climáticas e medioambientais que establece a Unión Europea para as vindeiras décadas

A exposición itinerante sobre o Pacto Verde Europeo de EUROPE DIRECT A Coruña viaxará este verán a catro concellos da provincia

A mostra Pacto Verde Europeo do centro EUROPE DIRECT A Coruña inicia o vindeiro 30 de xuño o seu terceiro verán de xira por concellos da provincia co obxectivo de achegar á cidadanía de maneira didáctica e sinxela os obxectivos e medidas da política medioambiental e climática da Unión Europea. A mostra pasará por Fene, Cabanas, Rois e Sada.

A exposición, que estará situada ao aire libre para facilitar o acceso á veciñanza destes municipios, inaugurarse o vindeiro venres, 30 de xuño en Fene, onde poderá visitarse na praza do 10 de marzo, en San Valentín, ata o 14 de xullo. A inauguración terá lugar o 3 de xullo ás 21 horas, e contará cunha actuación artística de malabares, acrobacias e equilibrios para o público asistente e que servirá de introdución á temática da mostra.

O Pacto Verde Europeo é a folla de ruta da Unión Europea para avanzar cara un sistema económico sostible, moderno e competitivo que sexa capaz de facer un uso eficiente dos recursos. Como se explica de maneira accesible nos paneis, o obxectivo final é acadar a neutralidade climática no ano 2050.

Experiencia interactiva

A mostra busca tamén a participación do público asistente a través da experiencia interactiva. Propóñense dúas experiencias para continuar a inmersión no Pacto Verde Europeo a través do teléfono móbil. Así, poderase atopar a Estación Verde, un entorno virtual en 3D no que se atopan vídeos realizados polo alumnado de centros galegos con consellos sobre sostibilidade, contidos didácticos, unha versión virtual da mostra e un punto informativo sobre as funcións do centro EUROPE DIRECT A Coruña, aos que se pode acceder escaneando códigos QR.

Tamén está dispoñible o xogo Pacto Verde Europeo, un escape room online deseñado para poñer a proba os coñecementos sobre o coidado do medio ambiente do público de todas as idades.

Paradas da exposición

A mostra, realizada con materiais reciclados e reutilizables, realizará a segunda parada do 14 ao 28 de xullo en Cabanas, no parque do Areal, e en setembro continuará en Rois, onde estará do día 8 ao 22. A última parada será do 22 de setembro ao 2 de outubro en Sada. Cada unha das paradas contará tamén cunha actuación da performance artística sobre o Pacto Verde Europeo.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

Hai tamén máis información dispoñible na seguinte páxina web: https://dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2023/exposicion-itinerante-pacto-verde-europeo/