A Deputación supervisa as obras de mellora das estradas provinciais que dan acceso aos cantís de Loiba e San Andrés de Teixido
A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, visitou hoxe os concellos de Ortigueira e Cedeira para supervisar o avance dos proxectos e coñecer as necesidades dos concellos
As obras de acceso a Loiba xa están case rematadas e as da eliminación da curva de Rego de Tide inciaranse en novembro e completarán a mellora realizada coa variante de Pontigas no acceso a San Andrés de Teixido
A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez Ordóñez, visitou hoxe os concellos de Ortigueira e Cedeira para supervisar o estado das obras da Deputación da Coruña na rede provincial de estradas destes dous municipios e coñecer as súas necesidades.
Acompañada do alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e de enxeñeiros do servizo provincial de estradas, Mónica Rodríguez visitou as obras de ampliación e mellora da seguridade da estrada DP 6104, que dá acceso aos cantís de Loiba.
As obras, retomadas pola Deputación a pasada primavera tras os defectos e incumprimentos nos prazos da primeira adxudicataria que obrigaron a suspender a súa execución, avanzan agora a bo ritmo e están sendo rematadas por Tragsa cun investimento provincial de 535.342 euros.
"Estas obras, que se iniciaron xa co anterior goberno municipal, teñen por obxecto rematar o traballo e corrixir os defectos que tiña a parte xa executada. O noso compromiso é que unha obra tan importante coma esta remate conforme ao proxecto técnico, satisfaga aos veciños e mellore a seguridade das persoas que viven na zona e dos visitantes", afirmou Mónica Rodríguez, que destacou que, a falta do pintado das marcas viarias e da sinalización horizontal os traballos están practicamente rematados.
As obras incluíron a reparación das zonas defectuosas do firme, o perfilado de noiros con risco de desprendemento, o acondicionamento das illetas das novas interseccións executadas no contrato anterior e a corrección dalgunhas actuacións de drenaxe.
Ademais, incluíuse a finalización das obras necesarias de drenaxe mediante a construción de cunetas de formigón e a colocación de pequenos tramos de colectores, e o estendido dunha nova capa de rodaxe previa corrección de zonas moi deformadas onde será necesario aplicar recrecidos previos. Tamén se repuxo un tramo de abastecemento pendente, trasladaranse tres postes de electricidade e telefonía e habilitarase a sinalización horizontal e vertical necesaria.
Non foi posible realizar a ampliación proxectada entre o PK 0+780 e o PK 0+880 sen afectar ao ben protexido existente polo que se reforzará a sinalización de advertencia de estreitamento. No proxecto tamén se especifica que a mellora da intersección coa estrada DP-6105, da Penela ao Loureiro, será obxecto dun proxecto independente onde se incluirán as expropiacións necesarias coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio.
Inicio das obras na estrada de Rego de Tide, en Cedeira
Mónica Rodríguez visitou tamén a zona onde o vindeiro novembro se iniciarán as obras da estrada DP 2206 en Rego de Tide (Cedeira), acompañada do alcalde da localidade, Pablo Moreda. As obras están xa adxudicadas, pero a empresa adxudicataria está á espera do envío dos prefabricados necesarios para a súa execución.
A deputada de Vías e Obras destacou que "a Deputación da Coruña e o Concello de Cedeira están traballando conxuntamente para mellorar os accesos a San Andrés de Teixido. Unha vez concluída a variante de Pontigas na DP 2204, na que os estreitamentos no núcleo de poboación dificultaban a circulación, especialmente para os numerosos autobuses que visitan este lugar de peregrinación, as melloras continuarán agora con esta obra na que se eliminará a curva perigosa da valgada do regato de Tide, no punto quilométrico un da estrada DP 2206, que xera tamén problemas de seguridade para a circulación, especialmente no caso dos autobuses e dos vehículos pesados".
A actuación, que se levará a cabo entre os PQ 0+920 e 1+220 eliminará a curva existente, cun radio moi reducido, e executarase un novo trazado ao sur do actual que permitirá ampliar a sección e mellorar a visibilidade. O novo trazado implica tamén a construción dun terraplén e dunha obra de drenaxe transversal en marco de formigón armado para dar continuidade ao regato.