Estás en:Novas

EUROPE DIRECT A Coruña organiza un curso de terminoloxía en inglés para proxectos europeos dirixido a persoal dos concellos da provincia

• A formación busca reforzar as competencias do persoal municipal e impulsar os proxectos europeos no ámbito local

• O curso será online e celebrarase entre os días 3 e 10 de outubro

EUROPE DIRECT A Coruña organiza un curso de terminoloxía en inglés para proxectos europeos dirixido a persoal dos concellos da provincia

O centro EUROPE DIRECT A Coruña organiza unha formación online sobre terminoloxía en inglés para proxectos europeos. Está acción está dirixida a persoal dos concellos co dobre obxectivo de reforzar a súa capacitación neste ámbito e tamén atraer e impulsar iniciativas no sector local que conten con financiamento da Unión Europea.

A formación, que é gratuíta e ten unha duración de catro horas repartida en seis sesións, celebrarase entre os días 3 e 10 de outubro. É preciso inscribirse no curso, que terá o rexistro aberto entre os días 20 e 28 de setembro. As persoas que cumpran os requisitos de participación recibirán un diploma acreditativo.

O curso, que se corresponde coa novena edición da iniciativa Europa na Provincia de EUROPE DIRECT A Coruña, está dividido en dous bloques. O primeiro centrarase, dende unha aproximación teórica e práctica, en dar a coñecer o vocabulario básico no ámbito dos proxectos europeos e os manuais oficiais editados pola Unión Europea para orientar sobre estilo, terminoloxía e claridade de redacción. A segunda parte abordará cuestións relacionadas coa xestión de proxectos europeos, como os termos que se empregan nos formularios e o seu significado ou como expresar e comunicar os fundamentos dunha iniciativa para a que se solicite financiamento europeo. Pódese atopar o programa completo e o enlace para a inscrición na seguinte páxina web: https://dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2023/europa-en-la-provincia-de-coruna-9-ed-curso-de-terminologia-en-ingles-para-proyectos-europeos

O curso está organizado por EUROPE DIRECT A Coruña – Deputación da Coruña e colaboran na súa difusión os centros EUROPE DIRECT das deputacións de Almería, Córdoba, Castelló, Granada e Huelva, o concello de Albacete e a Federación Asturiana de Concejos.

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.