Estás en:Novas

EUROPE DIRECT A Coruña estrea ‘Experiencia Europa’, unha exposición interactiva itinerante para dar a coñecer a relevancia da transición dixital nos concellos da provincia

• A actividade comeza a rodar en xaneiro pola provincia e visitará nove localidades ata o mes de outubro

• As persoas visitantes poderán explorar contidos informativos, xogos, vídeos, visitas virtuais e experiencias inmersivas que afondarán no coñecemento da Unión Europea e a súa influencia no día a día

EUROPE DIRECT A Coruña estrea ‘Experiencia Europa’, unha exposición interactiva itinerante para dar a coñecer a relevancia da transición dixital nos concellos da provincia

Experiencia Europa é unha exposición interactiva e itinerante que achegará a concellos rurais da provincia da Coruña o funcionamento da Unión Europea e a súa influencia no día a día a través dunha experiencia dixital.

Esta relevancia da transición dixital en Europa é o eixo central da mostra, que se pode experimentar a través de dispositivos multimedia con pantallas táctiles. Dende elas, os e as visitantes poderán acceder a Espazo Europa, unha contorna virtual que mestura 3D e 4D na que se poden explorar os símbolos e valores da Unión Europea, así como a importancia da cultura e a ciencia. Tamén haberá un espazo dedicado a descubrir o Parlamento Europeo, a través de vídeos, xogos e outros soportes.

A experiencia continúa na área "Aprende, visita, xoga e participa". Nela haberá un apartado dedicado ao coñecemento da Intelixencia Artificial, no que a Unión Europea é pioneira na súa regulación e tamén visitas virtuais a institucións europeas e xogos educativos para todas as idades.

Experiencia Europa tamén ofrece un recuncho interactivo no que os cidadáns e cidadás terán a oportunidade de contribuír coa súa opinión a un estudo provincial sobre os principais retos para o futuro da Unión Europea. O público poderá levar como recordo da súa experiencia unha fotografía xerada por un sistema de intelixencia artificial que insire ao usuario en diferentes espazos.

A exposición complétase cunha mostra de vídeos realizados por EUROPE DIRECT A Coruña e que achegan información tanto xeral como especializada das oportunidades de participación e formación que ofrece a Unión Europea aos diferentes públicos.

Despois da estrea no mes de decembro no Pazo Provincial da Deputación da Coruña, Experiencia Europa comezará a súa itinerancia no mes de xaneiro pola provincia e visitará nove localidades ata o mes de outubro.

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.