EUROPE DIRECT A Coruña convoca Embaixadorxs Destino Europa, a campaña na que 10 mozos e mozas difundirán iniciativas da Unión Europea para a xente nova
A selección estará aberta ata o 11 de marzo e farase por orde de inscrición
As persoas participantes, que deberán ter entre 18 e 25 anos e residir ou ter nacido na provincia da Coruña, recibirán un bono interrail para viaxar por Europa durante un mes
O centro EUROPE DIRECT A Coruña convoca a terceira edición da iniciativa Embaixadorxs, na que mozos e mozas do seu ClubUE difunden a través de redes sociais os programas da Unión Europea para a xente nova. Durante case catro semanas, dez membros do club de entre 18 e 25 anos serán Embaixadorxs Destino Europa e terán un papel activo como cidadanía europea para achegar á xente da súa idade as principais iniciativas e programas europeos de interese para este grupo de idade. As persoas participantes desfrutarán dun bono de interrail.
Embaixadores Destino Europa comezou este xoves 22 de febreiro coa apertura do prazo para que se anoten as persoas que queiran participar. A selección farase por orde de inscrición entre os mozos e mozas que cumpran cos requisitos esixidos nas bases da iniciativa. Así, as persoas participantes deberán ter entre 18 e 25 anos, residir ou ter nacido nun concello da provincia da Coruña, pertencer ou darse de alta no ClubUE e ter un perfil de Instagram activo cunha antigüidade mínima de tres meses. A inscrición pecha o 11 de marzo e ademais dos 10 mozos e mozas escollidos, haberá outras dez prazas de reserva.
A publicación dos contidos da campaña comezará o 4 de abril e estenderase ata o día 26 dese mes. Neste tempo, os embaixadores e embaixadoras deberán informar a través de Instagram sobre o programa Erasmus Plus e o Erasmus for Young Entrepreneurs, o Corpo Europeo de Solidariedade, as iniciativas EU Youth Dialogue e o European Youth Event, as Eleccións Europeas 2024, a rede EURES, o concurso DiscoverEU e o Interreg Volunteer Youth. Tamén deberán realizar unha publicación inicial para explicar o seu papel como embaixadores e embaixadoras. A campaña poderá seguirse en redes co cancelo #Embajadorxs2024.
As persoas que completen os requisitos da participación recibirán un bono Interrail Global Pass que permite viaxar por Europa durante un mes e con sete días de desprazamento en tren.
EUROPE DIRECT organiza esta actividade dentro da programación do ClubUE, un espazo virtual pensado para achegar a mozos e mozas as oportunidades que existen dentro da UE. Tamén continúa a liña de traballo do programa #EuroinflUEncer co que se busca implicar ás persoas novas na divulgación de campañas e iniciativas da Unión
Europea para achegalas dunha maneira directa ao seu grupo de idade e dentro do eido local.
Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.
Hai tamén máis información dispoñible na seguinte páxina web: https://dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2024/embajadorxs-destino-europa/