Estás en:Novas

Europe Direct A Coruña inicia ‘Hello, Europe!’, un ciclo de formacións en liña dirixido a fortalecer as competencias da mocidade no mercado laboral europeo

A primeira sesión abordará a carreira investigadora en Europa da man do punto Euraxess da Universidade da Coruña e terá lugar o 7 de marzo ás 13 horas


Nos días 15, 16 e 17 de abril os cursos centraranse na creación de currículos de Europass, a redacción de cartas de presentación e motivación e competencias dixitais

Europe Direct A Coruña inicia ‘Hello, Europe!’, un ciclo de formacións en liña dirixido a fortalecer as competencias da mocidade no mercado laboral europeo

O centro EUROPE DIRECT A Coruña – Deputación da Coruña organiza xunto a EUROPE DIRECT Asturias – Federación Asturiana de Concejos a iniciativa Hello, Europe!, un ciclo de formacións en liña orientadas a fortalecer as competencias da xente nova para participar das oportunidades de formación e laborais da Unión Europea.

O primeiro curso terá lugar o vindeiro 7 de marzo, de 13 a 14 horas, e dará a coñecer á mocidade da provincia os recursos dispoñibles para desenvolver unha carreira investigadora en España e na Unión Europea. A charla Carreira investigadora en España e en Europa: Por onde empezo? estará impartida por profesionais do punto que a rede Euraxess ten na Universidade da Coruña. Nela, daranse a coñecer os recursos e oportunidades para a investigación en Europa e tamén o traballo de apoio que realiza a rede Euraxess, impulsada pola Comisión Europea, para as persoas investigadoras en cuestións como o recoñecemento de diplomas, Seguridade Social ou outras dúbidas legais ou culturais.

O rexistro para participar na actividade, que ten límite de prazas, está aberto dende o 20 de febreiro ata o 6 de marzo ás 14 horas e estará dispoñible no seguinte enlace: https://dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2024/carrera-investigadora-en-espana-y-europa-por-donde-empiezo/
As formacións de Hello, Europe! terán continuidade ao longo do ano. No mes de abril están previstas tres novas sesións. Na primeira delas, as persoas participantes aprenderán, dunha maneira práctica, a deseñar e redactar un CV Europass que poña en valor as súas competencias e habilidades. Este obradoiro terá lugar o 15 de abril ás 16 horas.

O obxectivo da segunda formación, Candidaturas competitivas: cartas de motivación e presentación, é facilitar técnicas e orientacións para crear unha candidatura en consonancia cos requisitos do mercado da Unión Europea. É o 16 de abril ás 16 horas.

Ao día seguinte, o 17 de abril e no mesmo horario, terá lugar a terceira sesión, Coñecemento de habilidades dixitais no espazo europeo. Esta formación ten como referencia o Marco de Competencias Dixitais para a Cidadanía da UE para incidir no coñecemento de ferramentas de datos, comunicación e colaboración, creación de contido, seguridade e resolución de problemas.

Os tres obradoiros son independentes e con prazas limitadas, polo que é preciso rexistrarse para cada un deles antes do venres 12 de abril ás 14 horas no enlace: https://dacoruna.gal/europedirect/clubue/aprender/hello-europe-obradoiros-formativos-en-lina

Estas accións están dirixidas a mozos e mozas que pertenzan aos ClubUE da Coruña e Asturias, así como a mocidade dos municipios que forman parte da rede Europa no teu Concello. O ClubUE é unha iniciativa de EUROPE DIRECT A Coruña para unir a mozos e mozas de 18 a 30 anos cun lazo común, o interese por coñecer, aprender e participar das oportunidades que ofrece a Unión Europea. EUROPE DIRECT Asturias replicou esta acción no seu territorio e ambos centros teñen colaborado xa en varias actividades que inciden no intercambio de experiencias e creación de rede entre xente moza das dúas zonas.

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.