Enrique Labarta Pose
O chispeante poeta
Enrique Labarta Pose
Enrique Labarta Pose, nado en Baio (Zas) o 22 de xullo de 1863 e finado en Barcelona o 13 de maio de 1925, foi un escritor e xornalista galego en lingua galega e castelá.
Fundou e dirixiu xornais e revistas. A súa obra, fundamentalmente poesía e contos, caracterízase por unha sátira humorística moi marcada. O profesor Ricardo Carballo Calero encadrouno entre Os epígonos, xunto con Manuel Lugrís Freire, Salvador Cabeza de León e Juan Armada Losada, entre outros. Foi coñecido polo sobrenome de Quevedo galego.
Descendente, por parte materna, dos condes de Andrade, naceu Enrique nun pazo do século XVIII. Foi o derradeiro fillo de Francisco Labarta Raña, farmacéutico, e Ramona Pose, que xa tiñan tres fillas. Estudou en Santiago de Compostela. Alí cursou o bacharelato de 1873 a 1877. En Santiago participou nos faladoiros da Academia de la Juventud Católica e coñeceu a Valle-Inclán, Augusto González Besada, Juan Barcia Caballero, Juan Vázquez de Mella, Salvador Cabeza de León, Alfredo Brañas, Manuel Casás Fernández e Alejandro Pérez Lugín. Licenciouse en 1884 en dereito civil e canónico pola Universidade Compostelá.
Ese mesmo ano casou con Elisa Martínez del Río, estanqueira santiaguesa, e publicou o seu primeiro libro: Última novedad. Noventa y nueve céntimos de versos de todas clases y arreglados a todos los gustos, escrito en castelá, agás un poema en galego, "Meu orfiño", no que amosa influencias de Manuel Curros Enríquez. Ao rematar a carreira, e por consello de Alfredo Brañas, ingresou na administración pública como empregado de Facenda, da man do deputado Eduardo Vincenti, a quen lle dedicou o libro Bálsamo de Fierabrás. Colección de versos en gallego y castellano (Madrid, 1889, 281 pp.). Outras composicións poéticas en galego incluídas nos seus libros son: a terceira en Un café flamenco en Galicia—A mi aldea—Sátira de costumes contemporáneas (Santiago, 1892, 52 pp.); todas, dezaoito, en Millo miúdo (Pontevedra, 1896, 156 pp.) e A festa da patrona de Tabeirón (Caldas de Reis, 1904, 22 pp.).
Residiu en Pontevedra ata 1904, cando foi destinado, primeiro a Barcelona (1904), despois a Burgos (1905) e máis tarde a Valladolid, onde contraeu matrimonio con Felipa Genovés; de novo Barcelona, Ourense (1911), Toledo (1912), outra vez Barcelona (1913), A Coruña (1919) e para rematar, dende 1920, a Cataluña.
Fundou Galicia Humorística (Santiago, 1888), El País Gallego (Santiago, 1888), La Pequeña Patria (Santiago, 1890-1891), Extracto de Literatura (Pontevedra, 1893) e Pasatiempos (Pontevedra, 1893-1894); e dirixiu Galicia Moderna (Pontevedra, 1897-1898). En 1896 fixo unha compilación dos seus poemas galegos máis coñecidos e publicounos no libro Millo miúdo, dedicado a Laureano Salgado Rodríguez. No ano 1900 publicou El carnaval de 1900 en Pontevedra, que inclúe "Recuerdos del carnaval de 1900" e "Pontevedra en 1900. Despropósito bufo, lírico, fantástico ... dividido en 2 actos y 10 cuadros". Este último fora estreado o día 1 de marzo no Teatro Principal, con música de Isidro Puga.
A súa produción sobresae polo humor, que se manifesta sobre todo nos contos. Como poeta encádrase na liña costumista de finais do século XIX, aínda que incorporou elementos modernistas.
Colaborou en Gaceta de Galicia, Galicia Liberal, A Gaita Gallega, Café con Gotas, Galicia Revista Regional, Galicia Recreativa, El Eco de Galicia, La Actualidad, Fray Prudencio, El Cínife, El Grito del Pueblo, El Eco de Mugía, Coruña Moderna, Galicia en Madrid, Aires d'a Miña Terra, Mi Tierra, Suevia, Galicia en Cataluña, Don Quijote e outras publicacións. Empregou o pseudónimo de Antón de Rabodegalo.
O retrato de Labarta Pose feito por Francisco Zagala, ilustrando a portada do semanario Extracto de Literatura, que el mesmo dirixía, está documentado como a primeira fotografía aparecida nun medio impreso galego, o 7 de xaneiro de 1893.
O personaxe central, Casimiro Barcala, da obra de Pérez Lugín, La casa de la Troya (1915), está inspirado na persoa de Labarta.
Faleceu en Barcelona despois dunha intervención cirúrxica a consecuencia do accidente ferroviario ocorrido na tarde do 9 de abril de 1925, Xoves Santo, entre as estacións de Les Planes e Sarrià, da capital catalá, no que morreron máis de vinte persoas.
Obras
Poesía
- Última novedad. Noventa y nueve céntimos de versos de todas clases y arreglados a todos los gustos, 1884. [M/917]
- Bálsamo de Fierabrás, 1889, Librería de Fernando Fe, Madrid, con prólogo de Brañas. [M/919]
- Bálsamo de Ferabrás, Biblioteca Lírica LAR, A Cruña 1928. [BM/1201]
- Un café flamenco en Galicia. A mi aldea. Sátira de costumbres contemporáneas, 1892, Santiago.
- Millo miúdo. Versos galegos, 1896, Pontevedra. Imp. de la Viuda e Hijos de Carragal.
- Adormideras. Poesías festivas, 1902, Pontevedra. Tipografía de A. Landín.
- A festa da patrona de Tabeirón, 1904, Caldas de Reis, Imp. de Fray Prudencio.
- "¡Non falés o gallego!", publicado en El Ideal Gallego o 7/10/1923.
- Poesías en gallego y castellano, 1926, Barcelona. [BM/187, M/920]
- Obra completa, 1995, Biblioteca de Autores Gallegos, Edinosa, A Coruña. Edición de X. M. Varela
Narrativa
- Cuentos humorísticos. Est. Tipográfico de Ricardo Fé, Madrid 1905. [BM/420]
- Cuentos humorísticos. Editorial Pológlota, Barcelona, 1929. [BM/514, M/918]
- Cuentos humorísticos. Porto y Cía. Editores, Santiago de Compostelá 1960, con prólogo de Varela Jácome.
(Inclúe 18 contos, os da edición de 1905, en castelán, máis cinco en galego)
Teatro
- El carnaval de 1900 en Pontevedra: "Recuerdos del carnaval de 1900" e "Pontevedra en 1900".
- Unha boa misa, sainete publicado en 1905 no n.º 86 de Nova Galicia. [HM/369]
- El planeta Marte, zarzuela, inédita.
- El alcalde de Matalarrana, zarzuela, inédita.
Revistas
- Galicia Humorística (Santiago, 1888) [HM/601]
- El País Gallego (Santiago, 1888)
- La Pequeña Patria (Santiago, 1890-1891). [HM/601]
- Extracto de Literatura (Pontevedra, 1893). [HM/53]
- Pasatiempos (Pontevedra, 1893-1894)
- Galicia Moderna (Pontevedra, 1897-1898)
Recoñecementos
Obtivo algúns premios, entre os que destaca a composición "Unha corrida de touros en Noya" gañadora no Certame Literario Musical de O'Galiciano de Pontevedra de 1886. Participou tamén nos Xogos florais de Betanzos.
Nos últimos anos, unha comisión que representa a varios colectivos da súa veciñanza, vén reclamando que se lle dedique un Día das Letras Galegas á figura de Enrique Labarta.