A mostra Pacto Verde Europeo de EUROPE DIRECT A Coruña visita este verán os concellos de Carral, Negreira, Rianxo e Lousame
A exposición achega á cidadanía as políticas da Unión Europea para conseguir a neutralidade climática nas vindeiras décadas
O 14 de xuño comeza a andaina desta mostra itinerante, que estará acompañada en cada parada dun espectáculo de malabares e acrobacias inspirado no medio ambiente
A mostra Pacto Verde Europeo do centro EUROPE DIRECT A Coruña-Deputación da Coruña poderá verse este verán en catro concellos da provincia. Carral, Negreira, Rianxo e Lousame acollerán durante dúas semanas esta exposición ao aire libre que busca achegar á cidadanía o Pacto Verde Europeo, as políticas da Unión Europea para reducir emisións dos gases de efecto invernadoiro.
O Pacto Verde Europeo é a folla de ruta da UE para avanzar cara un sistema económico sostible, moderno e competitivo que sexa capaz de facer un uso eficiente dos recursos. Como se explica de maneira accesible nos paneis, o obxectivo inicial é reducir as emisións nun 55% ata 2023 como primeiro paso para acadar a neutralidade climática no ano 2050.
A andaina da exposición iníciase o 14 de xuño no Concello de Carral, onde poderá visitarse ata o 28 de xuño na praza Campo da Feira. Cada parada estará acompañada dunha actuación artística que introducirá ao público na temática medioambiental a través de malabares, acrobacias e equilibrios. En Carral, a cita é o xoves 20 de xuño ás 17.30 horas xunto á exposición.
A mostra, realizada con materiais reciclados e reutilizables, fará a segunda parada no Concello de Negreira entre o 28 de xuño e o 12 de xullo. A performance terá lugar o día da inauguración, o 28 de xuño, ás 20 horas xunto a pista polideportiva do Parque do Coto. Entre o 12 e o 29 de xullo a exposición estará no Concello de Rianxo, na Praza da Manuela. Alí será tamén a actuación de apertura da mostra, o 12 de xullo ás 13 horas. Para pechar o percorrido, a mostra viaxará ao Concello de Lousame, onde estará na Casa da Cultura de Portobravo entre o 13 e o 27 de setembro. A actuación terá lugar o 17 de setembro ás 12.30 horas.
Experiencia interactiva
A mostra busca tamén a participación do público asistente a través de dúas experiencias interactivas ás que se pode acceder dende o teléfono móbil. A primeira delas é Estación Verde, un contorno virtual en 3D no que se aloxan vídeos realizados polo alumnado de centros galegos con consellos sobre sostibilidade, contidos didácticos, unha versión virtual da mostra e un punto informativo sobre as funcións do centro EUROPE DIRECT A Coruña, aos que se pode acceder escaneando códigos QR.
Tamén está dispoñible o xogo Pacto Verde Europeo, un escape room en liña deseñado para poñer a proba os coñecementos sobre o coidado do medio ambiente do público de todas as idades.
EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudarlle á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.
Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.
Hai tamén máis información dispoñible na seguinte páxina web: https://dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2024/exposicion-itinerante-pacto-verde-europeo/