Estás en:Novas

EUROPE DIRECT A Coruña pon en marcha a campaña EU ♥ UE de información europea que chega esta fin de semana a Negreira, Dumbría e Vimianzo con actividades lúdicas

As persoas asistentes poderán poñer a proba os seus coñecementos no trivial da UE, a ruleta das capitais europeas ou no xogo Ponte verde! sobre hábitos ecolóxicos

A carpa estará aberta de 16.30 a 20.30 horas en espazos abertos dos tres concellos

EUROPE DIRECT A Coruña pon en marcha a campaña EU ♥ UE de información europea que chega esta fin de semana a Negreira, Dumbría e Vimianzo con actividades lúdicas

O centro EUROPE DIRECT A Coruña realiza esta fin de semana a acción EU ♥ UE, unha iniciativa para achegar á cidadanía información sobre a Unión Europea a través de actividades lúdicas descentralizadas en concellos da provincia. O venres 5 de xullo chegará ao Concello de Negreira, o sábado 6 viaxará ata o Concello de Dumbría e realizará unha última parada o domingo 7 no Concello de Vimianzo.

Neste punto de información europea EU ♥ UE, o público pode atopar xogos adaptados a diferentes idades nos que poden demostrar as súas habilidades e coñecementos sobre Europa. Co xogo Ponte verde! as persoas participantes porán a proba canto saben de hábitos e comportamentos ecolóxicos. Tamén poden probar sorte en Xira pola UE, unha ruleta cos países membros da Unión Europea para adiviñar as súas capitais. Outra das propostas de xogo é Euro-trivial, na que hai que acertar as preguntas sobre a UE divididas en seis categorías: símbolos, xeografía, cultura, inventos, Unión Europea e personaxes europeas. Haberá ademais premios para as persoas participantes.

EU ♥ UE contará tamén cunha zona de información así como un photocall para inmortalizar a participación nesta experiencia europea.

A actividade comeza o venres 5, no que a carpa EU ♥ UE estará no Parque do Coto no Concello de Negreira. O sábado o lugar da actividade será xunto á Fervenza do Ézaro, en Dumbría, e para rematar, o domingo a carpa chegará a Vimianzo e quedará instalada na Praza do Concello. O horario de actividade en todas as paradas será de 16.30 a 20.30 horas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

Hai tamén máis información dispoñible na seguinte páxina web: EuropeDirect - Deputación de A Coruña :: EU ♥ UE (dacoruna.gal)