Estás en:Novas

Finaliza o intercambio Encontro ClubUE en Oviedo, no que mozos e mozas dos ClubUE de Asturias e A Coruña compartiron tres xornadas de formación e experiencias

As persoas participantes puideron adquirir e desenvolver competencias non formais relacionadas coa seguridade e o bo uso de Internet, así como debater e intercambiar vivencias sobre o ámbito da Unión Europea

Finaliza o intercambio Encontro ClubUE en Oviedo, no que mozos e mozas dos ClubUE de Asturias e A Coruña compartiron tres xornadas de formación e experiencias

A segunda edición do Encontro ClubUE rematou esta tarde en Oviedo, onde se desprazaron mozos e mozas residentes na provincia da Coruña e Asturias para vivir tres días de intercambio e formación como membros do ClubUE. A iniciativa está organizada polos centros EUROPE DIRECT A Coruña, pertencente á Deputación da Coruña, e EUROPE DIRECT Asturias, da Federación Asturiana de Concejos

Durante os tres días que durou o encontro, as persoas participantes puideron adquirir e desenvolver competencias non formais relacionadas coa seguridade e o bo uso de Internet. Así, puideron afondar en temas como a ciberseguridade, a seguridade emocional en liña, o desenvolvemento dun perfil dixital seguro ou a desinformación.

As persoas participantes potenciaron, así mesmo, as competencias relacionadas coa reflexión e o debate sobre temas relacionados coa Unión Europea, o intercambio de experiencias neste ámbito e o networking. Tamén houbo tempo para coñecer o perfil máis europeo da cidade de Oviedo.

Os mozos e mozas participantes forman parte do ClubUE, un espazo virtual pensado para achegar á xuventude as oportunidades que existen dentro da UE e que foi creado por EUROPE DIRECT A Coruña en decembro de 2020. EUROPE DIRECT Asturias replicou esta iniciativa no seu territorio en outubro de 2022 e ambos centros teñen colaborado xa en varias actividades que inciden no intercambio de experiencias e creación de rede entre xente moza das dúas zonas. Hai máis información dispoñible na páxina web: https://europedirect.dacoruna.gal/europe-direct-coruna/agenda/2024/encuentroclubue

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.