Estás en:Novas

A Deputación da Coruña adxudica a Pedralonga Estudios a xestión de Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior centro de produción audiovisual virtual de España

Pedralonga Estudios é unha sociedade participada polo Clúster Audiovisual Galego e por algunhas das principais empresas galegas do sector audiovisual

Encargarase da xestión do CEI por un período de vinte anos

A Deputación da Coruña adxudica a Pedralonga Estudios a xestión de Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior centro de produción audiovisual virtual de España

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, co voto favorable de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños de a abstención do Partido Popular, a adxudicación da xestión dos servizos do centro de produción virtual VPXR, Coruña Estudio Inmersivo (CEI) á sociedade Pedralonga Estudios, S.L, constituída neste ano 2024 e participada polo Clúster Audiovisual Galego e por recoñecidas empresas do sector audiovisual, como Portocabo, TEX45 Producións, Vaca Films, Voz Audiovisual, Congo Producciones, Zénit Televisión, Producciones Audiovisuales Sete Media, Undodez, Avendaño Estudio e Centro de Estudios Marcote.

O obxecto do contrato que se asinará con Pedralonga Estudios consiste na xestión e explotación do centro de produción virtual VPxR, promovido pola Deputación da Coruña no marco do proxecto "Ecosistema Dixital do Sector Audiovisual de Galicia (EDAGA) – Coruña Estudio Inmersivo (CEI)", por un período de 20 anos prorrogables por outros 5 años máis, para o que se estableceron as normas, directrices e estilo ás que debe axustarse a actuación do explotador do centro de produción virtual VpxR.

O CEI, o maior estudio de produción audiovisual virtual de España que entrará en funcionamento a principios de 2025, supón un investimento de preto de 9 millóns de euros, cofinanciados entre a Deputación e o Goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, para dotar á Coruña dun plató virtual dotado da tecnoloxía máis innovadora, proporcionada por Telefónica.

A sociedade ten como obxecto social a xestión de instalacións dedicadas á actividade audiovisual e a súa actividade establécese na prestación de servizos audiovisuais. No marco deste contrato, encargarase da xestión e explotación do CEI da Deputación, situado na Cidade das TIC da Coruña.

A adxudicación deste contrato a Pedralonga Estudios garante a correcta posta en marcha da infraestrutura e a súa promoción e e posicionamento no mercado audiovisual nacional e internacional, así como un crecemento sostible e a súa innovación continua a través da súa integración no ecosistema audiovisual e tecnolóxico.

A empresa adxudicataria ocuparase de garantir a operatividade e o óptimo funcionamento do CEI, así como da calidade do servizo público prestado. A sociedade é ademais unha mostra da fortaleza do sector audiovisual galego e da importancia que ten na nosa provincia como tractor para o desenvolvemento dunha industria en crecemento, con excelentes expectativas na creación de emprego no ámbito provincial. O CEI, que contará coa tecnoloxía máis avanzada do mundo en produción audiovisual virtual, pretende situar a Galicia como unha referencia para as producións da industria audiovisual.

Este novo plató virtual posibilitará aos produtores de cine e televisión a creación de contornas virtuais altamente detalladas e realistas que ofrezan unha experiencia inmersiva ao espectador e que posibiliten a creación de contido interactivo e de realidade aumentada de forma que os actores poidan interactuar cos elementos virtuais en tempo real.

Neste último pleno do ano, aprobouse tamén a Ordenanza reguladora da prestación patrimonial de carácter público non tributaria do servizo público que se prestará no CEI, no marco do proxecto Ecosistema Dixital do Sector Audiovisual Galego (EDAGA), cofinanciado con Fondos Next Generation.

 logo financiado union europea nextgenerationeu logo-gobierno-españa   logos Plan de Recuperacion

---