A Deputación e o Concello de Malpica renovan o convenio para a xestión do Ecomuseo do Forno do Forte de Buño
O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, e o alcalde, Eduardo Parga, asinaron hoxe o acordo, polo que a institución provincial investirá 80.000 euros en 2025
O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, asinaron esta mañá na sede provincial a renovación do convenio para a xestión da atención de visitantes e actividades culturais complementarias de posta en valor do Ecomuseo de Forno do Forte de Buño. A Deputación da Coruña faralle ao Concello malpicán unha achega de 80.000 euros en 2025.
Segundo o acordo, o Concello de Malpica continuará encargándose da organización das visitas e das actividades, así como da conservación e mantemento das instalacións do Forno do Forte, de titularidade provincial. O consistorio municipal deberá manter o Ecomuseo aberto ao público todos os días da semana agás os luns, de 11 a 14 horas e de 16 a 19. Tamén se manterá a actividade dos obradoiros de modelado en Semana Santa e nos meses de xullo e agosto, así como as visitas teatralizadas orientadas aos institutos durante a primavera, como fórmula para dar a coñecer a olería tradicional entre a mocidade.
Ademais, durante todo o ano que vén reforzaranse estas visitas teatralizadas e tamén se levarán a cabo actuacións musicais de grupos tradicionais, que manteñan viva a propia historia musical vinculada á tradición oleira.
"Como vén facendo desde 2006", sinala Penas, "o concello de Malpica de Bergantiños seguirá colaborando coa Deputación no funcionamento do Ecomuseo do Forno do Forte, un modelo novo de xestión do patrimonio cultural no cal se interrelacionan os aspectos puramente materiais, coma os edificios e as montaxes expositivas, cos inmateriais; especialmente, a tradición oleira local e as novas formais de produción".
Para o deputado, o obxectivo último desta colaboración é "facer do espectador un actor activo, sensibilizando ao mesmo tempo sobre as posibilidades da cultura popular como recurso e reclamo turístico". "Queremos", explica, "continuar apoiando a revitalización deste espazo, reconstruíndo a vida cotiá das xentes labregas e oleiras que fixeron de Buño un centro emblemático da produción artesá de Galicia, da provincia e da comarca".