A Deputación achega 41.000 euros para a xestión dos centros de interpretación do río Mandeo en Curtis e Coirós
"Con estes dous convenios avanzamos nos obxectivos do Proxecto Mandeo de potenciar o desenvolvemento sostible dun territorio, a conca do río Mandeo, a partir da valorización do recurso agua, integrando a mellora da calidade do ecosistema fluvial", destacou o deputado de Patrimonio, Xosé Penas

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, asinou cos alcaldes de Coirós, Francisco Quintela Requeijo, e de Curtis, Javier Caínzos, senllos convenios entre a Deputación e eses dous concellos para a xestión integral, entre xaneiro de 2025 e marzo de 2026, do centro Centro Etnográfico do Río Mandeo, en Curtis, e do Centro de Interpretación do Río Mandeo, en Coirós, ambos de titularidade provincial. Polos acordos, no marco do 'Proxecto Mandeo. Posta en valor das concas fluviais. 1ª fase río Mandeo', cofinanciado con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), a Deputación compromete neste exercicio dúas achegas que suman 40.999 euros: 16.286 para o Concello de Coirós e 24.713 para o de Curtis.
O convenios servirán principalmente para subvencionar os custos do persoal de atención a visitantes dos dous centros no horario habitual: o de Coirós, todos os venres, sábados e domingos laborables do ano, de 10 a 13 horas e 16 a 19; e o de Curtis –pechado os luns e festivos–, de martes a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 19, e os sábados e domingos, de 10 a 13. Os concellos terán, ademais, a obriga de manter os inmobles en perfectas condicións de conservación e limpeza.
"Con estes dous acordos", destacou Penas, "avanzamos nos obxectivos do Proxecto Mandeo de potenciar o desenvolvemento sostible dun territorio, a conca do río Mandeo, a partir da valorización do recurso agua, integrando a mellora da calidade do ecosistema fluvial". "Do mesmo xeito", engadiu, "a agua seguirá a ser un elemento que potencie, dinamice e dea cohesión ao territorio para o avance económico e social".
Segundo o deputado, "espazos coma estes constitúen un punto de referencia para a interpretación do coñecemento ambiental, cultural e etnográfico da contorna do río Mandeo, que forma parte do noso patrimonio natural".