Estás en:Novas

A Deputación renova os convenios para a xestión das Torres do Allo e do dolmen de Cabaleiros

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, e os alcaldes de Zas, Manuel Muíño, e de Tordoia, Antonio Pereiro, asinaron os acordos, para os que a administración provincial destina un total de 54 000 euros

"O obxectivo é que estes espazos de gran valor patrimonial e histórico sexan centros vivos que funcionen non só como recordo do noso pasado, senón tamén como lugares de aprendizaxe e de dinamización social, cultural, turística e económica para as comarcas da Terra de Soneira e de Ordes", sinalou Penas

A Deputación renova os convenios para a xestión das Torres do Allo e do dolmen de Cabaleiros

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, asinou cos alcaldes de Zas, Manuel Muíño, e de Tordoia, Antonio Pereiro, senllos convenios entre a Deputación da Coruña e eses dous concellos para a xestión integral, entre xaneiro de 2025 e marzo de 2026, das Torres do Allo, en Zas, e do dolmen de Cabaleiros, en Tordoia, ambos de titularidade provincial. Polos acordos, a Deputación compromete neste exercicio dúas achegas que suman 53 815 euros: 50 000 para o Concello soneirán e 3815 para o ordense.

Polo acordo, o Concello de Zas ten a obriga de achegar o persoal necesario para a atención a visitantes nas Torres do Allo, que abrirán neste horario:

  • Do 4 de xaneiro ao 14 de xuño (agás Semana Santa): sábados, domingos e festivos, de 11 a 19 horas.
  • En Semana Santa, de 11 a 20 horas.
  • Do 15 de xuño ao 15 de setembro, de luns a venres, entre as 11 e as 20 horas; e sábados e domingos, entre as 11 a 21.
  • Do 16 de setembro ao 28 de decembro, sábados, domingos e festivos, de 11 a 19 horas.
  • As Torres permanecerán pechadas os días 1 e 6 de xaneiro e 24, 25 e 31 de decembro.

O Concello de Zas programará actividades e obradoiros didácticos, promoverá e xestionará reservas, e ofrecerá dúas visitas guiadas ao día, coa posibilidade de admitir reservas para grupos fóra do horario regular. Seguirá, ademais, mantendo o Xogo de pistas, unha proposta orientada ao público familiar para dar a coñecer o pazo e a súa contorna dun xeito divertido, no que os participantes terán que buscar as pistas agochadas e solucionar os retos que se lles propoñen.

O Concello de Tordoia tamén se compromete a dotar o dolmen de Cabaleiros de persoal técnico cualificado para a atención a visitantes. O dolmen abrirá todos os días entre o 1 de xullo e o 30 de setembro de 2025, de 11 a 19 horas, cun servizo de visitas guiadas os sábados, domingos e festivos. Encargarase así mesmo de dar o coñecer o dolmen como recurso turístico de Tordoia e de toda a Comarca de Ordes, cunha labor didáctica e de divulgación específica para escolares.

"O obxectivo é que estes espazos de gran valor patrimonial e histórico sexan centros vivos que funcionen non só como recordo do noso pasado, senón tamén como lugares de aprendizaxe e de dinamización social, cultural, turística e económica para as comarcas da Terra de Soneira e de Ordes", sinalou Penas. "A Deputación da Coruña", engadiu, "mantén o seu compromiso coa protección e difusión do noso patrimonio histórico a través da colaboración cos concellos, garantindo así que enclaves como as Torres do Allo e o Dolmen de Cabaleiros sigan sendo espazos accesibles para a cidadanía. Estes convenios permiten que os propios municipios xestionen a atención aos visitantes e desenvolvan actividades culturais que poñan en valor estes bens, integrándoos na vida social e turística da provincia".