Estás en:Novas

Deputación e os doce concellos continuarán coa xestión conxunta do Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte

O deputado de patrimonio, Xosé Penas, asinou a renovación por catro anos máis do convenio de colaboración ao arredor dunha comunidade intermunicipal con representantes da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cee, Coristanco, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas

A través deste convenio, as entidades comprométense a agrupar recursos humanos, materiais e económicos para garantir unha xestión eficiente do proxecto

Deputación e os doce concellos continuarán coa xestión conxunta do Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte

O deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xosé Penas, asinou a renovación do convenio de colaboración cos concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cee, Coristanco, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas para regular o proxecto 'Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte' co obxectivo de promover e poñer en valor o patrimonio megalítico na comarca.

O acordo supón a continuidade dos traballos que permitirá a xestión conxunta e coordinada deste proxecto para, así, impulsar a conservación, difusión e aproveitamento turístico e cultural dos elementos de arte rupestre presentes no territorio. A través deste convenio, as entidades comprométense a agrupar recursos humanos, materiais e económicos co fin de garantir unha xestión eficiente e sustentable do proxecto. Ao mesmo tempo a sinatura da renovación do convenio supón a aceleración dos traballos actuais en marcha en materia de sinalización, renovación do comité científico-técnico, roteiros, comunicación e xestión dos terreos para facilitar as visitas, entre outros.

Desta maneira, a colaboración intermunicipal permitirá optimizar os servizos públicos relacionados co desenvolvemento local, como o fomento de actividades económicas, recreativas, culturais, deportivas, turísticas ou de servizos educativos, así como de abastecemento e depuración de augas residuais, recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos, conservación de vías e espazos públicos, servizos técnico-urbanísticos e técnico-administrativos.

O deputado destacou que "é un paso moi importante e unha gran oportunidade para poñer en valor os tesouros patrimoniais dunha maneira conxunta entre uns concellos que comparten territorio e identidade. A cooperación é fundamental para poder avanzar na súa xestión dunha maneira realmente eficiente".

A xuntanza de todas as administración serviu para por en común a próxima data de reunión que será o vindeiro 20 de maio en Vimianzo que ostenta a presidencia rotatoria neste ano 2025.