‘A memoria diversa’ volve o 31 de maio á Normal para reflexionar sobre os novos e vellos discursos de odio contra o colectivo LGBTIQA+ en Galiza
"Nesta cuarta edición do congreso queremos mirar atrás para celebrar todo o que levamos conseguido: os cambios lexislativos, a visibilización, os dereitos, a celebración do orgullo de poder ter liberdade para ser e sentir", dixo a deputada Igualdade e Dereitos Civís, Sol Agra, na presentación hoxe do encontro

Esta mañá presentouse no Normal o IV Congreso 'A memoria diversa', que se vai celebrar o 31 de maio no espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña. O encontro, unha iniciativa da Deputación da Coruña en colaboración coa UDC, chega á súa cuarta edición como cita de referencia para a reflexión que este ano centrará o debate nos novos e vellos discursos de odio contra o colectivo LGBTIQA+ en Galiza. O programa —de acceso libre ao público, e tamén retransmitido en liña pola canle de Youtube da Deputación— incluirá relatorios, mesas redondas, proxeccións audiovisuais e unha conversa poético-musical.
Na rolda de prensa participaron a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos civís, Sol Agra; a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC, Cristina Naya; a comisaria do congreso, Eva Mejuto, e participantes e representantes dos colectivos que se darán cita na xornada.
Agra destacou a importancia dunha proposta que naceu no departamento de Igualdade provincial e que agora asume tamén a área de Dereitos Civís: "Reivindicamos a igualdade de dereitos e oportunidades para todas as persoas, independentemente do seu xénero e orientación sexual, e tamén o dereito a vivir sen medo a sufrir unha agresión polo seu xénero ou orientación sexual, e ademais facémolo con orgullo, con alegría e con festa".
A deputada explicou os obxectivos do programa do congreso nesta cuarta edición: "Quixemos facer memoria e mirar atrás para celebrar todo o que levamos conseguido: os cambios lexislativos, a visibilización, os dereitos, a celebración do orgullo de poder ter liberdade para ser e sentir". "Recordar", engadiu, "as pioneiras na reivindicación, aquelas que nos permiten estar aquí desfrutando de sabernos nunha sociedade máis xusta, onde as discriminacións e as agresións son cada vez máis illadas, e así recoñecer os logros para evitar que os estereotipos e os prexuízos se espallen e nos fagan retroceder".
"Xa pasaron os tempos de agocharse por medo ou vergonza", subliñou. "As persoas diversas na súa forma de ser e sentir existiron sempre, a heteronormatividade só foi unha imposición do patriarcado homófobo, pero eses tempos pasaron grazas ó activismo de moites persoas que puxeron en risco a súa vida para que hoxe todes podamos ser iguais ante a lei".
Cristina Naya agradeceulle a Agra a posibilidade de que a UDC poida seguir colaborando na organización do congreso e as "axudas económicas provinciais que recibimos da Deputación para poñer en marcha diferentes actividades de importancia no ámbito da igualdade de xénero e da diversidade afectivo-sexual". Do programa do congreso dixo que era "sólido e rico para reflexionar e aprender sobre a memoria LGBTIQA+; un programa de interese para toda a poboación, pois é importante que temas coma os que aquí se van tratar non queden só no ámbito das persoas máis vinculadas e comprometidas, senón que alcancen a canto máis público mellor".
Eva Mejuto agradeceulle tamén á Deputación "apostar por un proxecto coma este, único no Estado, e pola memoria LGBTIQA+ é algo heroico". "Tamén", engadiu, "algo para celebrar, pois moitas veces pensamos que en Galiza imos por detrás e en realidade estamos á vangarda. Que, despois de catro anos, sigamos tendo que dicir e relatores que o veñan contar, dá moito que pensar sobre a importancia do pasado memorialístico do movemento LGBTIQA+ galego". Sobre os obxectivos do congresos, a comisario dixo que son os de "buscar que conflúan a memoria e o activismo, xuntando activistas actuais aos colectivos que agora mesmo están en funcionamento e que están facendo un traballo moi importante".
Programa
Os relatorios da mañá comenzarán coa presenza de Margarita Ledo, xornalista e cineasta, e do xestor cultural Quique Costas, activista nos primeiros colectivos LGBT galegos, que dialogarán sobre os inicios dos movementos LGBT galegos e a súa repercusión nos medios de comunicación. O filólogo e escritor Carlos Callón achegará os seus traballos de investigación sobre as vidas LGBT galegas na Idade Media e a investigadora Ánxela Lema reflexionará sobre a presenza de voces "queer" invisibilizadas na literatura galega. A xornada matinal pecharase coa intervención sobre a documentación contra a desmemoria, por parte do activista coruñés José Carlos Alonso, activista e membro do desaparecido colectivo Milhomes, e coa lectura como espazo para reivindicar e visibilizar a memoria a través do club de lectura QUEERuña das bibliotecas municipais da Coruña, con Remedios Vázquez.
A xornada da tarde comezará cunha achega á historia da loita do colectivo LGBT portugués por parte da investigadora lusa Joana Matias, xa que Memoria Diversa tamén buscar establecer lazos de conexión cos movementos memorialísticos "queer" do país veciño. Continuando a liña iniciada o ano pasado, ofrecerase un espazo sobre a situación do colectivo LGBTIAQ+ no mundo, a través das persoas refuxiadas; neste caso, co activista colombiano Sebastián Jaramillo, actor e creador audiovisual, colaborador de Alas Coruña, en diálogo coa sindicalista e activista trans galega Laura Bugallo.
Nesta edición terán tamén protagonismo a historia do movemento LGBT catalán, na persoa unha escritora e activista senlleira, Isabel Franc, que vén de publicar a novela gráfica "Detrás de las persianas", breve historia das lesbianas en Barcelona, desde a II República, pasando polo franquismo, os códigos comunicativos da clandestinidade, o comezo da liberdade coa Transición, ata chegar ao matrimonio igualitario de 2005. A intervención de Isabel Franc (que durante moitos anos escribiu co pseudónimo de Lola Van Guardia obras clásicas dentro da literatura lésbica coma "Entre todas las mujeres" ou "Plumas de doble filo") será en diálogo coa activista lésbica Nanina Santos, figura fundamental do feminismo e o movemento lésbico galego desde os anos 70.
O encontro finalizará coa proxección da curtrametraxe DELICUENTE, obra da poeta e creadora audiovisual Nuria Vil, e co debate e recital poético musical coa poeta Andrea Nunes e o músico e activista trans Éric Dopazo.
As mesas estarán presentadas e moderadas por persoas dos actuais colectivos LGBTIQA+ galegos, Alas Coruña, Les Coruña. Rede Galega de Estudos Queer, Avante LGBT e Arelas mocidade.