Estás en:Novas

Xosé Penas destaca nunha mesa redonda sobre o patrimonio o esforzo orzamentario da Deputación, vinte veces superior ao da Xunta de Galiza

O acto, organizado pola Asociación Cultural O Galo, reuniu especialistas e responsábeis institucionais para analizar os cambios na Lei de patrimonio cultural

O deputado de Patrimonio salientou que a alta demanda dos concellos ás liñas de apoio da Deputación evidencia a necesidade de reforzar as políticas públicas neste ámbito

Xosé Penas destaca nunha mesa redonda sobre o patrimonio o esforzo orzamentario da Deputación, vinte veces superior ao da Xunta de Galiza

O Centro Sociocultural do Ensanche de Santiago de Compostela acolleu o serán do venres unha mesa redonda dedicada a analizar os cambios introducidos na Lei de patrimonio cultural de Galiza (LPCG) e o seu impacto na súa protección e xestión. O encontro, organizado pola Asociación Cultural O Galo co apoio da Deputación da Coruña, reuniu especialistas e responsábeis institucionais para debater sobre as consecuencias da modificación normativa e sobre o papel das distintas administracións na conservación do patrimonio.

Na mesa redonda participaron Xosé Penas, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña; Mercedes Queixas, deputada no Parlamento de Galiza; Ruth Varela, arquitecta e investigadora da Universidade da Coruña; e Teresa Nieto, arquitecta coordinadora da Sección de Patrimonio e da Comisión Técnica do Consello da Cultura Galega. A xornada foi presentada e moderada por María Antonia Pérez, presidenta do Galo.

Antes das intervencións, a alcaldesa do Concello de Santiago, Goretti Sanmartín, dirixiu unhas palabras ao público subliñando a importancia do patrimonio para a cidade e expresando a súa satisfacción por acoller en Compostela un encontro dedicado a analizar esta cuestión. Tamén incidiu na necesidade de protexer e poñer en valor o patrimonio e criticou distintas actuacións do Goberno galego en sentido contrario.

A Deputación inviste no patrimonio

Na súa quenda de palabra, o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, referiuse ás dificultades que teñen moitos concellos para asumir novas responsabilidades en materia de patrimonio. Neste sentido, advertiu de que «a metade dos concellos non teñen arquitecto técnico», unha situación que levou á Deputación a abrir unha liña de apoio para facilitar a contratación destes profesionais.

çPenas destacou tamén o esforzo económico da institución provincial na materia que centrou o debate. «A Deputación ten un orzamento de 8 millóns de euros para o patrimonio e habilitamos unha liña especial de dous millóns para a protección do patrimonio en perigo», explicou, nun contexto no que o orzamento total da institución supera os 250 millóns de euros. En comparanza coa Xunta de Galiza, o goberno provincial fai un «esforzo orzamentario moi superior» ao do Goberno galego, en concreto vinte veces maior.
O deputado sinalou ademais que a resposta dos concellos ás liñas de apoio da Deputación evidencia a necesidade de reforzar as políticas públicas neste ámbito. «Na nosa liña para protexer patrimonio en perigo xa pediron subvención a metade dos concellos da provincia», indicou, lembrando que moitos deles xa recorreran previamente á Xunta e que entre os solicitantes hai concellos «de todas as cores políticas».

Durante a súa intervención, Penas puxo tamén como exemplo o Mosteiro de Caaveiro, xestionado pola Deputación e considerado unha referencia na conservación deste tipo de bens, en contraste coa situación doutros monumentos como o mosteiro de Monfero, «case en liña recta e incluído na lista vermella do patrimonio en perigo». Ademais, lembrou que a institución provincial xestiona tres parques arqueolóxicos en colaboración con concellos e tamén con propietarios privados, cun modelo que prioriza a colaboración, a protección e a posta en valor do patrimonio.

O deputado lamentou tamén a falta de diálogo institucional ao redor das modificacións lexislativas e defendeu que existen outras formas de xestionar o patrimonio. «Hai outra forma de xestionar o patrimonio», afirmou, lembrando que a experiencia da Deputación amosa que é posíbel desenvolver políticas activas de conservación e valorización e subliñando que o patrimonio «somos todos nós» e non só un conxunto de bens materiais.

A Xunta só destina 22 millóns ao patrimonio

Outra das visións políticas deuna a deputada no Parlamento de Galiza Mercedes Queixas. Lembrou que, «dun orzamento de máis de 14 000 millóns de euros, a Xunta destina 22 á protección do patrimonio», a mesma cifra que en 2009 malia o efecto da inflación. Tamén advertiu de que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural afronta unha elevada carga administrativa e defendeu que o cambio na Lei de patrimonio cultural «recoñece o problema estrutural moi grave da DXPC, mais erra nas propostas».

Ruth Varela e Teresa Nieto achegaron as visións máis especializadas e técnicas a esta mesa redonda. A investigadora da UDC fixo unha lectura crítica das modificacións introducidas na Lei de patrimonio cultural de Galiza, que cualificou de cambio «proespeculación» nun contexto que definiu como de «financiarización do noso patrimonio e do noso territorio». Cuestionou tamén o procedemento empregado para introducir a reforma, ao incluírse na Lei de acompañamento dos orzamentos de 2026, que ao seu xuízo se fixo «pola porta de atrás», e advertiu de que para determinados actores «ou o noso patrimonio é un produto ou un problema».

Pola súa banda, Teresa Nieto centrou a súa intervención no impacto xurídico e administrativo da modificación normativa. A arquitecta e membro do Consello da Cultura Galega advertiu dunha «deriva pola que os textos legais son de cada vez menos calidade xurídica», con «múltiplas contradicións, falta de concreción e falta de coherencia». Lembrou tamén que a Lei de patrimonio cultural de Galiza de 2016 prevía a posibilidade de habilitar aos concellos mediante convenios, sempre que estes dispuxesen de planeamento adaptado, catálogos homoxeneizados e equipos técnicos cualificados, un mecanismo que apenas deu lugar á sinatura de tres convenios en sete anos.

Segundo explicou, a modificación da lei implica que «desde o 1 de xaneiro as intervencións son dos concellos», malia que moitos deles non contan con persoal técnico cualificado e nun territorio cunha elevada densidade patrimonial, o que ao seu xuízo introduce «importantes riscos» para a protección dos bens, especialmente no caso das chamadas obras menores que poderían afectar a elementos catalogados sen necesidade de autorización previa.