Estás en:Novas

A Deputación da Coruña recibe o nomeamento de Entidade Socia de Honor de AGA-Ucraína polo seu “apoio sostido ao pobo ucraíno”

A institución provincial colaborou no equipamento médico do centro de sangue de Odesa, no envío de ambulancias a Ucraína e na acollida de persoas refuxiadas da guerra na residencia do IES Rosalía Mera

A Deputación da Coruña recibe o nomeamento de Entidade Socia de Honor de AGA-Ucraína polo seu “apoio sostido ao pobo ucraíno”

A Deputación da Coruña vén de ser distinguida como Entidade Socia de Honor pola Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA-Ucraína), en recoñecemento ao apoio sostido da institución provincial ás iniciativas humanitarias impulsadas pola entidade desde o inicio da guerra.


No acto de entrega do galardón participou a deputada de Emprego, Industria, Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, Rosa Ana García, quen agradeceu a distinción e destacou a responsabilidade das institucións públicas de actuar ante conflitos que afectan a millóns de persoas. A deputada puxo en valor o labor de AGA-Ucraína e o papel da sociedade civil organizada na resposta á emerxencia humanitaria.


Durante a súa intervención, Rosa Ana García subliñou o proxecto que a Deputación desenvolve en colaboración coa asociación para dotar de equipamento médico ao centro rexional de sangue de Odesa, a terceira cidade máis grande do país. Unha actuación que permitirá reforzar a capacidade sanitaria dunha rexión que atende a millóns de persoas e mellorar a conservación e distribución de sangue en situacións críticas.


A deputada destacou que esta iniciativa contribúe a garantir un recurso esencial para salvar vidas nun contexto de elevada presión asistencial derivada da guerra, ao tempo que exemplifica a utilidade da cooperación internacional para dar resposta a necesidades urxentes sobre o terreo.


Colaboración sostida coa poboación ucraína
Este recoñecemento enmárcase nunha liña de colaboración continuada entre a Deputación e AGA-Ucraína desde o inicio do conflito.


O goberno provincial que preside Valentín González Formoso participou na acollida de persoas refuxiadas, moitas delas menores, na residencia do IES Rosalía Mera, facilitando recursos e apoio para a súa atención e integración. Ademais, colaborou no envío de material sanitario e ambulancias a Ucraína, que foron recibidas na Coruña polo embaixador ucraíno en España, Serhii Pohoreltsev, para atender as necesidades da poboación civil.


AGA-Ucraína desenvolve un labor clave tanto en Galicia como en Ucraína, canalizando axuda humanitaria e coordinando proxectos de apoio médico en zonas afectadas pola guerra.