Estás en:Patrimonio Mosteiro de Caaveiro (A Capela)

Mosteiro de Caaveiro (A Capela)

Situado nun montículo rocoso entre os ríos Eume e Sesín, na fraga do Eume, de incomparable beleza, érguese este mosteiro que sufriu numerosas intervencións ó longo da súa historia. As súas orixes remóntanse ó seculo X en que se teñen as primeiras noticias da existencia de vida monástica neste lugar. A historia de Caaveiro vencéllase a S. Rosendo e pertencéu á orde de S. Bieito e posteriormente foi mosteiro de coengos regulares de S. Agustín.

Trátase dun conxunto de edificacións, algunhas xa desaparecidas: Igrexa principal, Igrexa de Santa Isabel, celdas, cabildo, sancristía, pozo, almacéns, arquivo, torre-campanario, etc.

A Deputación da Coruña e os Concellos onde se sitúan as Fragas do Eume e o Parque Natural están a realizar diversas actuacións para a posta en valor deste Parque Natural, onde se atopa situado o Mosteiro de Caaveiro. Neste sentido, a Deputación, en colaboración cos Concellos e a Xunta de Galicia (Servizo de Conservación da Natureza), quere facilitar o acceso ás Fragas e ao Mosteiro e ofrecer diversas alternativas ao visitante, ademais da entrada a través do portal do Parque Natural por Pontedeume, especialmente a aqueles visitantes que realizan pequenas rutas de sendeirismo polo interior do Parque Natural. Estas rutas tamén poñen en valor o Portal da Capela (construído e financiado con fondos da Deputación Provincial), xa que este acceso ofrece unhas posibilidades turísticas magníficas e potencia unha zona de grandes valores paisaxísticos e ambientais de carácter natural e etnográfico.

A rehabilitación do Mosteiro de Caaveiro recibiu o Premio Europeo de Intervención no Patrimonio Arquitectónico na categoría de espazos exteriores

Valor patrimonial

Declarado Ben de Interese Cultural, o Mosteiro de Caaveiro representa un dos mellores exemplos de monacato medieval galego integrado nun bosque atlántico de elevado valor ecolóxico. A súa localización e conservación permiten combinar o coñecemento histórico, arquitectónico e natural nun único percorrido.

Horarios de visita

• Durante a temporada de verán (aproximadamente de xullo a finais de setembro) o mosteiro está aberto todos os días da semana para visitas libres, entre as 10:30 h e as 21:00 h, conforme á ficha oficial.
• Fora deste período, o horario reduce o número de horas ou queda limitado aos fins de semana; recoméndase confirmar previamente a data da visita.

Organízanse visitas guiadas en horarios definidos dentro da temporada alta, para toda clase de público. Para grupos ou fóra dos horarios establecidos, é necesaria reserva previa.

Información de contacto

Teléfonos para información e reserva: 604 926 357 / 981 080 585 / 981 080 300
Coa colaboración do Concello de A Capela.