En galego, todos os días
O galego é a nosa lingua propia.
A que nos une como galegas e galegos e tamén o elemento que máis e mellor nos define como pobo.
Desde o ámbito público é obrigado traballarmos para garantir que calquera persoa que así o desexe poida desenvolver a súa vida plenamente en galego con normalidade, día a día e sen limitacións. Para iso é preciso establecer medidas que poñan fin aos prexuízos, tópicos e actitudes negativas que aínda hoxe lle afectan ao uso do noso idioma, así como traballar pola igualdade dos dereitos lingüísticos.
Con estes obxectivos, na área de Lingua da Deputación da Coruña seguimos diversas iniciativas e liñas de traballo que desenvolven a Ordenanza de uso da lingua galega, aprobada en 2017 para impulsar este idioma en todos os ámbitos de actuación da entidade provincial:
- Apoio aos servizos municipais de normalización lingüística
A Deputación da Coruña contribúe anualmente ao financiamento dos servizos de normalización lingüística municipais da provincia. En total, 50 concellos e mancomunidades son os beneficiarios desta liña de axudas desta entidade. - Premio Rosalía de Castro de Lingua
O premio Rosalía de Castro recoñece cada ano iniciativas e traxectorias de referencia e prestixio no ámbito da normalización e da lingua galega. - Programación propia
A Deputación desenvolve anualmente diferentes iniciativas e campañas sociais de sensibilización sociolingüística, especialmente dirixidas á mocidade e orientadas ao traballo nas actitudes sobre a lingua. - Apoio a asociacións e proxectos de dinamización lingüística
A Deputación apoia iniciativas sociais de normalización lingüística como Correlingua, Youtubeir@s+ ou Regueifesta e tamén o traballo de entidades deste ámbito como A Mesa pola Normalización Lingüística.
Ademais, a Sección de Normalización Lingüística da Deputación desenvolve diferentes funcións de apoio, asesoramento e corrección lingüística tanto no ámbito interno como cara aos concellos e entidades locais.
