A Deputación aprobou hoxe a súa adhesión á Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030
A Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030 está formada polos gobernos locais que se comprometen a localizar e implementar os ODS de forma transversal nas políticas públicas
O pleno da Deputación aprobou adherirse á Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030, aprobada pola Federación Española de Municipios e Provincias no marco do seu XII Pleno. Deste xeito comprométese a determinar un conxunto de actuacións que deberán incorporarse nun plan de actuación ou estratexia, que inclúa unha análise de situación e un plan de localización e implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030.
A Axenda 2030 inclúe 17 ODS que conectan de maneira directa a acción internacional, nacional e local, e que sitúan ás cidades e aos seus gobernos como poderes públicos primordiais para a súa efectiva consecución. Así, recoñéceo de forma explícita a Resolución de Nacións Unidas que adoptou a Axenda. Un recoñecemento lexítimo sustentado na emerxencia das cidades e pobos como referentes globais das políticas a favor da sustentabilidade humana e resultado dunha intensa labor de incidencia dos gobernos locais e das asociacións que lles representan.
Pola súa banda, a Rede de Entidades Locais para desenvolver os ODS da Axenda 2030 está formada polos gobernos locais que se comprometen a localizar e implementar estes ODS de forma transversal nas súas políticas públicas, favorecendo a coordinación de actuacións entre os seus membros. Ademais deste obxectivo principal, a Rede conta cos seguintes obxectivos específicos:
· Promover o coñecemento, sensibilización e implantación dos ODS da Axenda 2030 nas entidades locais españolas, mediante o fortalecemento institucional e a implicación dos diferentes axentes locais.
· Fortalecer e lexitimar o papel estratéxico das autoridades locais no desenvolvemento da Axenda 2030 en España.
· Actuar como foro de intercambio e experiencias entre os gobernos locais que integran a Rede.
· Ofrecer servizos de asesoramento e asistencia aos seus membros, formación e mutua cooperación.
A Deputación da Coruña conta xa cunha longa traxectoria no deseño e execución de políticas dirixidas ao desenvolvemento sostible do territorio provincial en constante cooperación cos concellos da provincia. De feito, na actualidade está acometendo un novo proceso de diagnose e planificación estratéxica territorial no que a Axenda 2030 constitúe o marco estratéxico de referencia fundamental.