Estás en:Novas

A III edición da Carreira da Vía Verde da Deputación da Coruña bate récord de participación, con 827 persoas inscritas

A cita celébrase este sábado entre Ordes e Oroso, con probas para todos os públicos, desde unha 10k a unha andaina

A III edición da Carreira da Vía Verde da Deputación da Coruña bate récord de participación, con 827 persoas inscritas

A Deputación da Coruña reunirá este sábado, 21 de novembro, a 827 participantes na III edición da Carreira e Andaina Camiños da Vía Verde, a cifra máis alta das tres edicións. O percorrido principal da proba seguirá o antigo trazado ferroviario entre a estación da Pontraga, en Ordes, e a de Oroso-Vilacide, onde estará a meta.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou a gran resposta dos afeccionados e dos clubs. “Este sábado teremos case 600 persoas na saída da 10K e, cando cheguen á meta, será a rapazada a que tome a saída en Vilacide. Iso é o que buscamos desde a Deputación con esta carreira, que todas e todos podan participar nunha proba pensada para todos os públicos”

A xornada comezará ás 9.45 horas coa andaina popular, de cinco quilómetros, que partirá da estación de Garga-Transmonte. Ás 10.30 horas sairá da Pontraga a carreira de dez quilómetros, incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo. Ambas as probas rematarán en Oroso-Vilacide.

A partir do mediodía do sábado, a actividade concentrarase na contorna da meta, onde competirán os 134 escolares. Ás 12.00 horas comezará a carreira de dous quilómetros. Ás 12.20 horas tomarán a saída os participantes na proba dun quilómetro e, ás 12.35 horas, será a quenda dos máis pequenos, que percorrerán 400 metros e recibirán unha medalla ao cruzar a meta. A entrega de premios está prevista para as 13.00 horas, coa presenza do deputado de Deportes e os alcaldes dos municipios polos que discorre a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle.

Recollida de dorsais e traslado ás saídas

Os dorsais poderán recollerse na estación de Oroso-Vilacide desde as 8.30 horas do sábado e ata media hora antes do inicio de cada proba. Desde a propia estación sairán os autobuses que levarán as persoas participantes aos puntos de saída da andaina, entre as 8.45 e as 9.15 horas, e da carreira de dez quilómetros, entre as 9.15 e as 9.45 horas.