Estás en:Novas

Orixe Salgada, empresa do coworking de Boiro, recibe o Premio Especial á Emprendedora Rural de Womenalia

Os Premios AxTodas 2026 recoñecen o proxecto da oceanógrafa Elena Fontán Alende, que aproveita as algas que o mar deposita na costa para desenvolver produtos para a agricultura, a cosmética e a farmacia

Orixe Salgada, empresa do coworking de Boiro, recibe o Premio Especial á Emprendedora Rural de Womenalia

Orixe Salgada, empresa do Coworking Lab Barbanza de Boiro, vén de ser distinguida nos Premios AxTodas 2026 de Womenalia. A súa impulsora, a oceanógrafa Elena Fontán Alende, recolleu en Madrid o Premio Especial á Emprendedora Rural polo seu proxecto para transformar as algas que o mar deposita na costa galega en produtos de alto valor engadido.

O galardón, patrocinado pola Cátedra AgroBank UCLM, entregouse durante a sexta edición do encontro AxTodas, celebrado hai uns días en Madrid. A distinción recoñece a innovación do proxecto e a súa contribución ao desenvolvemento sostible do medio rural.

Desde o Coworking Lab Barbanza, espazo municipal de Boiro integrado na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña, Orixe Salgada traballa na creación dunha biorrefinería que aproveita as algas mediante técnicas de química verde e sen xerar residuos. Baixo a marca Salgada Bio, desenvolve bioestimulantes naturais para reducir o uso de fertilizantes e fitosanitarios químicos na agricultura ecolóxica. A súa segunda marca, Mareira Labs, céntrase nos ingredientes naturais para as industrias cosmética e farmacéutica.

Este novo galardón súmase ao Premio PEL da Deputación da Coruña, que Orixe Salgada recibiu o ano pasado. Ambos recoñecementos consolidan a empresa e o Lab Barbanza de Boiro como referentes en Galicia no impulso da bioeconomía azul e dun emprendemento comprometido co aproveitamento sostible dos recursos mariños.

Orixe Salgada é a segunda empresa da rede provincial de coworking que recibe un galardón esta semana, tras o premio AJE concedido a Tribo Solutions, con sede no espazo de coworking do Pazo de Arenaza, en Oleiros.