Estás en:Novas

Formoso destaca a importancia do cooperativismo e a economía social na provincia da Coruña

Recibiu as persoas participantes no Consello Reitor da Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado que se celebrou hoxe en Mariñán

A provincia concentra máis de 3.650 empresas do sector

Destaca a contribución do sector á creación de emprego, así como "a dimensión social de moitas destas iniciativas, que melloran a vida de miles de persoas"

Formoso destaca a importancia do cooperativismo e a economía social na provincia da Coruña

O Pazo de Mariñán acolleu hoxe a xuntanza do Consello Reitor da Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado (COCETA), organizada por EspazoCoop. Os participantes foron recibidos polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que sinalou "a importancia do cooperativismo e a economía social na provincia da Coruña, onde se concentran máis de 3.650 empresas deste ámbito, o 43% destas iniciativas en Galicia".

Formoso destacou a actividade das cooperativas, sociedades agrarias de transformación ou centros especiais de emprego no territorio coruñés e destacou "a súa contribución á creación de emprego e dinamización económica da provincia", así como "a dimensión social de moitas destas iniciativas, que melloran a vida de miles de persoas".

Segundo Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop, "este tipo de encontros son fundamentais para a economía social e o cooperativismo, xa que grazas a eles podemos coñecer o traballo que se desenvolve noutras comunidades" a agradeceu a colaboración da Deputación para acoller esta reunión a nivel estatal.

Pola súa banda, Luis Miguel Jurado, Presidente de COCETA agradeceu e valorou "o traballo de EspazoCoop á hora de organizar este encontro e a implicación das administracións públicas xa que é fundamental a colaboración público-privada para fomentar a economía social".

EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperavismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

COCETA

COCETA é a Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado, organización representativa das empresas cooperativas de traballo do Estado Español. Constituída en 1986 como Asociación Cooperativa, de carácter confederal e multisectorial. Está integrada polas Federacións/Unións/Asociacións de Cooperativas de Traballo das diferentes CCAA. COCETA entende o cooperativismo como unha forma de emprender, creando empresas baseadas nos principios de democracia, autoxestión, solidariedade e responsabilidade social. A cooperativa de traballo representa un modelo ético de participación e xestión económica e empresarial que contribúe ao crecemento socioeconómico da localidade onde se sitúa, á creación de emprego estable, á loita contra a exclusión, á cohesión social e á integración igualitaria das persoas. COCETA representa a máis de 17.600 cooperativas de traballo en toda España e 305.291 empregos directos.