Estás en:Novas

Bernardo Fernández afirma que a provincia da Coruña “aspira a ser unha referencia no cambio de modelo enerxético"

O portavoz do goberno provincial asistiu hoxe á inauguración de 'Enerdixital', o Congreso sobre Enerxía e Dixitalización que se celebra en Ferrol

Insta a aproveitar as oportunidades que as renovables e o hidróxeno verde supoñen non só para o medio ambiente, senón para a creación de emprego e actividade económica

Bernardo Fernández afirma que a provincia da Coruña “aspira a ser unha referencia no cambio de modelo enerxético

O portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández, asistiu hoxe á inauguración de 'Enerdixital', o Congreso sobre Enerxía e Dixitalización que se celebra desde hoxe en Ferrol, organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) e a Deputación da Coruña.

No acto inaugural participaron tamén Oriol Sarmiento, xerente de Cluergal; Juan Ignacio Rodríguez, director do departamento de Enerxía de INEGA, e Ángel Mato, alcalde da cidade anfitrioa.

Fernández destacou no seu discurso que "a provincia da Coruña terá un claro protagonismo e aspira a ser unha referencia no cambio de modelo enerxético cara o que avanza o planeta", enfatizando a necesidade de camiñar cara a descarbonización "para garantir o futuro das vindeiras xeracións".

A transición ecolóxica, unha oportunidade

"Galicia é unha comunidade con capacidade máis que demostrada para liderar un modelo de transición enerxética nese horizonte que todos e todas nos marcamos: o reto de acadar as 'cero emisións' no ano 2050", afirmou o portavoz do goberno provincial, que defendeu que a economía circular, a transición ecolóxica e a dixitalización "son os tres vértices sobre os que vertebrar a acción política nos vindeiros anos para conseguir ese ambicioso obxectivo". "Tamén son tres grandes oportunidades de futuro desde o punto de vista económico e de creación de emprego", subliñou.

Bernardo Fernández apuntou que proxectos industriais estratéxicos para Galicia como Alcoa, Showa Denko ou Sentury Tire, "dos que dependen centos de empregos están hoxe pendentes de que sexamos capaces de producir enerxía eléctrica limpa a un prezo competitivo, dun desenvolvemento sostible das renovables que remate coa especulación e que teña un retorno para a nosa terra contribuíndo á creación de emprego e actividade no territorio". Neste sentido reclamou "participación pública" nos proxectos estratéxicos relacionados coa produción de enerxía.

Tamén subliñou a relevancia de que empresas líderes no sector estean deseñando proxectos de produción de hidróxeno verde, algúns deles na comarca de Ferrolterra, "que poden xerar miles de empregos e abrir novos nichos de actividade en ámbitos que van desde a industria á mobilidade".

Durante estas dúas xornadas, trataranse temas de primeira orde como a xestión enerxética de edificios e industrias, a transición ecolóxica e enerxías renovables ou a dixitalización do sector enerxético industrial, en mesas redondas nas que participarán expertos nestas materia.