Estás en:Novas

A Deputación inviste 122.000 euros para dotar de rede de saneamento o núcleo de Vigo, no Concello de Padrón

O proxecto inclúe a canalización de 916 metros de tubería para dar este servizo esencial aos veciños da zona

O Plan Único leva financiadas 420 obras de saneamento e abastecemento de auga nos concellos coruñeses, cun investimento de 51,8 millóns de euros

A Deputación inviste 122.000 euros para dotar de rede de saneamento o núcleo de Vigo, no Concello de Padrón

A Deputación da Coruña destina 121.171 euros do Plan Único para dotar de rede de saneamento ao núcleo de Vigo, na parroquia de Santa María de Cruces do Concello de Padrón.

As obras, financiadas ao 100% con fondos provinciais, están a licitación pública na Plataforma de Contratación do Estado ata o vindeiro 5 de decembro.

O proxecto contempla a canalización de 916 metros de tubaxe de PVC e a colocación de 28 pozos de rexistro en calzada, previa escavación de gabia e posterior recheo compactado desta.

Debido á orografía do terreo, precísase a instalación dun pozo de bombeo e os elementos complementarios necesarios para o seu correcto funcionamento.

Así mesmo, contémplase a execución de 340 metros de gabia revestida de formigón e unha canalización de 74 metros para a recollida de augas pluviais.

Completan a obra a reposición do pavimento afectado pola execución das obras e unhas novas conexións para a rede de saneamento.

Esta actuación ten como obxectivo mellorar as infraestruturas de carácter básico no lugar de Vigo, no Concello de Padrón. Desde a súa creación en 2017, o Plan Único leva financiadas 420 obras de saneamento e abastecemento de auga nos concellos coruñeses, cun investimento de 51,8 millóns de euros.