Estás en:Novas

A Deputación centrará os seus esforzos na xuventude para levar a cabo accións preventivas contra a SIDA

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, participou hoxe nun acto en conmemoración do Día Mundial da SIDA no IES Puga Ramón, no que leu un manifesto

Lembrou que as infeccións nos últimos anos producíronse de forma maioritaria entre as mulleres novas e as adolescentes. "De feito, no ano 2021, neste grupo de poboación produciuse un novo contaxio cada dous minutos no mundo"

Destacou o papel que vén desenvolvendo a Deputación dende hai moitos anos xunto ao Comité Cidadán Antisida da Coruña en materia de prevención e apoio a persoas con VIH

A Deputación centrará os seus esforzos na xuventude para levar a cabo accións preventivas contra a SIDA

Ana Lamas participou no acto con motivo do Día Mundial da SIDA

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, leu hoxe, con motivo do Día Mundial da SIDA, un manifesto no IES Puga Ramón no que abordou o progreso da enfermidade na última década. A deputada lembrou que as novas infeccións producíronse de forma maioritaria entre as mulleres novas e adolescentes. "De feito, no ano 2021, neste grupo de poboación produciuse unha nova infección cada dous minutos no mundo", lembrou.

"A Deputación da Coruña, coñecedora desta realidade a nivel estatal e mundial, pretende centrar os seus esforzos na xuventude, tendo en conta que son pezas clave no futuro, polo que é fundamental reforzar as accións preventivas en todos os eidos, tanto no educativo como nos espazos de lecer e comunitarios", afirmou.

Lamas destacou o papel que vén desenvolvendo a Deputación dende hai moitos anos xunto ao Comité Cidadán Antisida da Coruña en materia de prevención e apoio ás persoas con VIH. "O obxectivo desta colaboración é mellorar a calidade de vida das persoas que padecen esta enfermidade, tanto a través de convenios de colaboración para o mantemento dos seus recursos residenciais, como mediante o financiamento do Punto de Calor e Información e outros servizos da entidade".

Destacou, ademais, o "gran traballo" do Comité Anti SIDA Coruña – CASCO-, que leva 32 anos realizando accións dirixidas á sensibilización da poboación acerca das consecuencias desta pandemia mundial, acompañamento e atención especializada a persoas que viven co VIH e prevención coa realización de programas de modificación do estilo de vida.

De feito, durante a xornada aproveitouse para amosar os programas desenvoltos polo Comité desde hai 32 anos, cun novo programa sociodeportivo creado por CASCO en colaboración con entidades deportivas, no cal se coloca ao deporte como unha ferramenta de inclusión e de igualdade entre os grupos máis vulnerables.