Formoso defende a vixencia dos valores e principios que inspiraron a Constitución
Reivindica o diálogo e a negociación como "os piares sobre os que se forxou a Constitución, que seguen sendo hoxe os alicerces de verdadeira política" fronte á crispación, a división e o enfrontamento
Ademais do presidente, participaron na mesa o catedrático de Dereito Constitucional da UDC, Javier Ruipérez Alamillo, o CEO de Inditex, Óscar García Maceiras, e o catedrático da UCM Eloy García, que pronunciou a conferencia "Dos normas democráticas en el aniversario constitucional"
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, defendeu hoxe a "plena vixencia dos valores e principios que inspiraron a Constitución".
Formoso reivindicou o diálogo, a negociación e o acordo como "os piares sobre os que se forxou a Constitución" e que "seguen sendo hoxe os alicerces da verdadeira política" fronte á crispación, a división e o enfrontamento permanente que algúns practican.
"A Constitución provén dun consenso amplo e xeneroso propiciado por unha sociedade que ansiaba vivir en democracia e por uns representantes políticos serios e responsables, que souberon interpretar ese desexo. Persoas con procedencias políticas moi dispares que foron capaces de alcanzar acordos na arquitectura institucional básica, a posta en marcha dun Estado descentralizado ou nunha ampla carta de dereitos fundamentais", afirmou Formoso, que defendeu tamén a "plena vixencia" de principios constitucionais como a liberdade, e igualdade, o respecto á diversidade, o dereito á vivenda, sanidade, educación e pensións dignas, recollidos na Carta Magna.
O presidente defendeu que o constitucionalismo supón "cumprir integramente" o texto constitucional "que é de todos e todas, unha conquista colectiva que debemos preservar", afirmou o presidente, "pois é o fundamento da convivencia, a cohesión, o progreso e o benestar da nosa sociedade".
Formoso fixo estas afirmacións na presentación da conferencia "Dos normas democráticas en el aniversario constitucional", a cargo do catedrático de Dereito Constitucional da Universidad Complutense de Madrid (UCM), Eloy García López, un acto organizado pola Deputación con motivo do Día da Constitución.
Ademais do presidente, participaron na mesa o catedrático de Dereito Constitucional da UDC, Javier Ruipérez Alamillo, o CEO de Inditex, Óscar García Maceiras.
Na súa conferencia, o catedrático da UCM Eloy García puxo de manifesto as diferenzas entre a Constitución de 1931 e a de 1978.
Segundo García, a Constitución do 31 "fue producto de una revolución política, consecuencia de un nuevo orden político", mentres que na Constitución do 78 "es la sociedad española la que crea la política", nun avance "fundamental para garantizar el proceso democrático".