A Deputación sitúa a Galicia como referencia do audiovisual coa construción na Coruña dun dos maiores estudos virtuais de España
Formoso presentou hoxe o proxecto, "unha gran aposta pola innovación que se ubicará na Cidade das TIC e contará con tecnoloxía pioneira no sector"
Suporá un investimento de 6,7 millóns de euros para impulsar e mellorar a competitividade e internacionalización do sector audiovisual galego
O estudo permitirá crear contidos inmersivos de ficción, realidade virtual e aumentada que son de aplicación no ámbito cinematográfico, televisivo, publicitario ou dos videoxogos
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, compareceu en rolda de prensa xunto á alcaldesa da cidade, Inés Rey, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e o presidente do Clúster Audiovisual de Galicia, Jorge Algora, para confirmar que a Deputación vén de obter financiamento europeo para executar un ambicioso proxecto no que leva traballando dende hai tempo e que suporá a construción na cidade herculina do maior estudo virtual de produción audiovisual de Galicia e un dos maiores de España.
"Trátase dun proxecto pioneiro, unha gran aposta pola innovación que converterá a Galicia nunha referencia do sector audiovisual a nivel estatal e europeo grazas a un investimento de 6,7 millóns de euros", explicou o presidente, que detallou que 5M€ estarán financiados con cargo ao Plan de Recuperación do Goberno de España a través dos fondos Next Generation e 1,7M€ con fondos propios da Deputación da Coruña. Os fondos europeos para este proxecto foron tramitados polo servizo de Desenvolvemento Territorial co apoio do centro NEXT da Deputación no Concello da Capela.
Posicionar a Galicia no Hub Audiovisual de Europa
Formoso incidiu en que o proxecto suporá "un posicionamento estratéxico de Galicia" dentro do Plan "España, Hub audiovisual de Europa", dotado con máis de 1.600 millóns de euros de orzamento ata 2025 e destinado a transformar o ecosistema audiovisual do país, impulsar a súa internacionalización e competencia nos mercados internacionais.
Recrear Nova York ou Buckingham desde A Coruña
"Imos ofrecer ao sector audiovisual ese apoio de infraestrutura virtual que vai a permitir recrear aquí na Coruña unha rúa do Soho do Nova York ou a fachada do palacio de Buckiham", explicou Formoso, que destacou o carácter innovador dun proxecto "que dá resposta ao reto que o sector audiovisual galego está a asumir co despegue das plataformas dixitais e as innovacións constantes que se producen a nivel mundial. "Situamos a Galicia como un territorio idóneo e competitivo para a localización de rodaxes, producións e posproducións", afirmou.
Valentín González Formoso subliñou a importancia do sector audiovisual galego, que representa hoxe o 28% do total da industria cultural, xera máis de 4.500 empregos, factura 411 millóns de euros e agrupa a 707 empresas na comunidade, o 76% delas na provincia da Coruña. "Galicia está hoxe á vangarda na produción de produtos audiovisuais de calidade a nivel nacional e conta con empresas líderes na industria do cine, as series, a televisión ou a animación, pero ten aínda un gran potencial de crecemento que queremos axudar a desenvolver completamente nos vindeiros anos con este proxecto", afirmou.
Ubicación na Cidade das TIC
A situación elixida para este novo e pioneiro espazo especializado en produción audiovisual virtual é a Cidade das TIC da Coruña, co obxectivo de "crear sinerxías co sector tecnolóxico, xa que alí poderase atopar boa parte do talento dixital que innegablemente vai necesitar o sector audiovisual nun futuro moi próximo", explicou Formoso, que agradeceu a colaboración da UDC, o Concello da Coruña, o Clúster Audiovisual Galego (decenas de empresas audiovisuais apoiaron o proxecto) e o Clúster TIC. "Demóstrase unha vez máis que a colaboración das diferentes administracións é clave para sacar adiante os grandes proxectos de país", subliñou o presidente.
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, subliñou o apoio do Goberno de España ao proxecto de creación deste escosistema dixital audiovisual a través do Plan de recuperación, que leva investido en Galicia máis de 2.000 millóns de euros, con 1.660 empresas beneficiarias, "a maior cantidade de fondos despregada en Galicia polo Goberno central".
"Somos un goberno que apoia o sector audiovisual. É unha industria clave para o emprego, a economía e a cultura e a proxección internacional", sostivo Miñones, en referencia ao plan estratéxico España, Hub audiovisual de Europa que o Goberno impulsa para apoiar o sector.
"Hoxe falamos de dúas palabras esenciais no noso modelo de cidade: cultura e tecnoloxía, que veñen da man neste proxecto", afirmou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que sinalou que a cidade consolídase como "un polo de referencia no sector tecnolóxico" e que con este novo proxecto "sitúase como líder nun sector clave como é o audiovisual" nun momento de profundas transformacións.
Rey destacou que a Cidade das TIC, froito da cooperación institucional, "consolida un modelo de cidade que apoia a innovación e as novas tecnoloxías".
O reitor da UDC, Julio Abalde, dixo que "este é un proxecto vinculado ao que quere ser a Universidade da Coruña". Formar profesionais con competencias para desenvolver contidos dixitais e audiovisuais é un dos eixos de acción da institución académica, segundo explicou o reitor. "O proxecto é bo para que os profesionais se queden aquí, para que as empresas poidan quedarse aquí e contribuír ao desenvolvemento económico", afirmou.
Abalde explicou que "supón un paso máis" no proxecto da Cidade das TIC "que se destina ao hipersector tecnolóxico, onde se inclúe tamén o audiovisual e o dixital". "Trátase dunha instalación única e nivel de España e un exemplo de colaboración entre administracións e do sector público-privado", afirmou.
Finalmente, o presidente do Clúster Audiovisual Galego, Jorge Algora, sostivo que cando o Goberno de España anuncia o Hub audiovisual "o sector galego púxose a traballar para ver como se podían aproveitar eses 1.600 millóns para a recuperación do sector e puxemos o foco na cidade das TIC. Cando nos chamou a Deputación da Coruña, a inspiración colleunos traballando o que nos permitiu aproveitar esa iniciativa", afirmou.
Algora destacou que só cinco proxectos obtiveron financiamento do Goberno nesta convocatoria, un deles o que se implantará na Coruña, "que contou co apoio das principais empresas de produción audiovisual de Galicia" e que consistirá "nunha pantalla LED xigante de altísima definición que permitirá gravar a personaxes fóra de espazos naturais".
"É o que se coñece como estudios de gravación Mandalorian, que fan posibles producións como A Guerra das Galaxias", o que nos fai competitivos en relación ao resto do territorio nacional, xa que é a primeira iniciativa desta tecnoloxía que se vai levar a cabo", apuntou o presidente do Clúster.
Aplicacións en cine, TV, publicidade ou videoxogos
O estudo permitirá crear contidos inmersivos de ficción, realidade virtual e aumentada que son de aplicación no ámbito cinematográfico, televisivo, publicitario ou dos videoxogos.
Dispor dun estudo virtual dotado de ferramentas, software e equipamento evitará que as produtoras galegas teñan que desprazarse a outros territorios, como Madrid ou Barcelona, para realizar parte dos seus proxectos, ou que sigan improvisándose estudos en grandes espazos comúns sen os recursos adecuados, o que redundará nunha mellora da competitividade do audiovisual galego.
Por outra banda, a dispoñibilidade deste tipo de instalación, pioneira no territorio nacional, tamén resulta moi atractiva para outras produtoras españolas e estranxeiras que poderán aproveitar as vantaxes de aforro de custos e tempo que ofrece a produción virtual, tendo en conta que un estudio de gravación virtual pode reducir ata nun 68% os custos de posprodución.
O sector audiovisual experimentou nos últimos anos unha revolución global como consecuencia da transformación dixital, que mudou drasticamente a forma de produción de contidos audiovisuais. Este proxecto busca consolidar a capacidade de adaptación tecnolóxica e a resposta de Galicia a esta revolución mundial.