O presidente da Deputación reuniuse co novo xeneral xefe da Garda Civil en Galicia, Miguel Ángel González Arias
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu esta mañá no seu despacho da institución provincial ao novo xefe da Garda Civil en Galicia, o xeneral de brigada Miguel Ángel González Arias.
A reunión enmárcase na rolda de contactos institucionais que o xeneral está a realizar con motivo do seu recente nomeamento como máximo responsable da Garda Civil en Galicia.
Gonzalez Formoso e González Arias departiron durante media hora sobre as súas respectivas competencias. Ao remate da reunión, o presidente provincial e o xefe da Garda Civil destacaron a importancia da colaboración e coordinación entre institucións.
Formoso destacou "o importante papel que desenvolve a Garda Civil, especialmente nos municipios rurais da provincia", e desexou "os maiores éxitos profesionais" ao xeneral no seu novo posto á fronte dos máis de 5.000 efectivos que a Benemérita ten despregados nos 166 postos dependentes das comandancias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
Miguel Ángel González Arias estivo destinado nos servizos de Información da Garda Civil no País Vasco e Madrid, onde traballou na loita contra o terrorismo de ETA. Cando regresou a Galicia ocupou diferentes cargos de responsabilidade no instituto armado en Lugo e A Coruña e estivo destinado en diversas áreas da Zona 15 da Garda Civil, da que agora exerce o mando.