Estás en:Novas

A Deputación da Coruña crea a oficina ‘Acelera Pyme’ para impulsar a transformación dixital das empresas do rural

A instalación está situada no Parque Empresarial Tella, en Ponteceso, desde onde prestará servizo a peme dos 93 concellos da provincia

A actuación está cofinanciada polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos Next Generation da Unión Europea

Prestarase apoio técnico, asesoramento e soporte ás peme, autónomos/as e emprendedores/as nas áreas principais de transformación dixital

A Deputación da Coruña crea a oficina ‘Acelera Pyme’ para impulsar a transformación dixital das empresas do rural

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o seu homólogo da Asociación de Empresarios do parque Empresarial de Tella, José Ramón Pombo Imia, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para a posta en marcha da nova oficina provincial 'Acelera Pyme', creada para impulsar a transformación dixital das empresas en áreas rurais.

Ao acto asistiron o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo.

A Oficina Acelera Pyme da Deputación da Coruña dará soporte e asesoramento aos 93 concellos da provincia desde a sede da Asociación de Empresarios do polígono empresarial Tella, en Ponteceso.

A súa misión, explicou Formoso, será "apoiar as peme, profesionais autónomos e emprendedores de toda a provincia no seu proceso de dixitalización, o que lles permitirá mellorar a súa competitividade, logrando deste xeito o crecemento económico do territorio e contribuíndo a frear o despoboamento do rural".

O presidente sinalou que a Deputación "está realizando unha importante aposta pola reactivación social e económica do rural coruñés" con iniciativas pioneiras coma esta ou a implantación da Oficina Next Deputación para a captación e tramitación de fondos Next Generation no concello da Capela (1.400 habitantes), coas que pretende demostrar "a capacidade de prestar servizos de calidade e de ámbito provincial desde pequenos municipios da provincia".

"Impulsar a dixitalización é clave para que as pequenas e medianas empresas se asenten en municipios pequenos e contribúan á creación de emprego e oportunidades. A Oficina Acelera Pyme será unha peza clave nese obxectivo da Deputación da Coruña", subliñou o presidente.

Pola súa banda, o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, agradeceu que a Deputación "recoñeza e valore o traballo realizado desde Ponteceso pola promoción económica e industrial da Costa da Morte, en especial desde o parque empresarial de Tella, un dos de maior crecemento nos últimos anos".

"Supón unha aposta importante por Ponteceso pola Costa da Morte. Falamos de 468.000 euros de fondos europeos que chegan a esta comarca para apoiar ás pequenas e medianas empresas", subliñou García Carballido, que expresou a súa satisfacción porque este servizo provincial se preste desde Ponteceso para toda a provincia, para o que ofreceu a "colaboración absoluta" do Concello.

Os principais obxectivos desta oficina son sensibilizar as peme, autónomos/as e emprendedores/as das zonas rurais da Coruña sobre as vantaxes da dixitalización e fomentar a demanda tecnolóxica, dándolles a coñecer as diferentes tecnoloxías TICs; prestar apoio técnico para a obtención de axudas locais, rexionais e nacionais; potenciar o proceso de dixitalización a través de resolución de dúbidas e asesoramento personalizado e servir como punto de encontro de oferentes e demandantes de tecnoloxía para o desenvolvemento de accións de transformación dixital.

O que se pretende coa posta en marcha e funcionamento da oficina 'Acelera Pyme' é que todas as pemes, microempresas e profesioanis autónomos/as da provincia teñan ao seu alcance a súa transformación dixital das súas empresas e adaptación ás novas necesidades dun mercado en continúa evolución.

Rede de oficinas Acelera Pyme con fondos europeos

Esta oficina é unha das 58 que se porán en marcha grazas a convocatoria de axudas para a ampliación da Rede de Oficinas Acelera Pyme impulsada desde Red.es, entidade pública adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial.

Esta convocatoria contaba cun orzamento global de 23,8 millóns de euros, dos cales Red.es aporta ata o 80% do orzamento subvencionable, mentres que as entidades beneficiarias a parte restante. As actuacións están financiadas polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos Next Generation EU, no marco da axenda Dixital 2025 e o Plan de Dixitalización de Pemes 2021-2025.

O custo total da posta en marcha da oficina 'Acelera Pyme' de Ponteceso ascende a 468.000 euros, dos cales o 80% corresponderán aos fondos captados a través da convocatoria de Red.es e o restante 20% o aportará Deputación cos seus fondos propios.

O persoal desta instalación será o encargado de prestar apoio técnico, asesorando e dando soporte ás peme, os/as autónomos/as e aos/as emprendedores/as nas áreas principais de transformación dixital, organizando sesións de networking para conectar a oferta coa demanda tecnolóxica, identificando os programas de axudas existentes a nivel local, rexional e nacional para informar sobre estes ao tecido empresarial da provincia, tanto para o seu coñecemento e uso (incluíndo o Kit dixital), como para a incorporación de metodoloxías e tecnoloxías innovadoras.